Memoria de Castelao aos 25 anos da súa morte

La Voz

ESCUELA

Castelao visto por Maside, no debuxo que acompañaba o texto de Espriu polo 25.º cabodano do escritor.
Castelao visto por Maside, no debuxo que acompañaba o texto de Espriu polo 25.º cabodano do escritor.

La Voz lembrou en 1975 ao escritor cun texto escrito en galego polo poeta Salvador Espriu

05 nov 2025 . Actualizado a las 10:01 h.

Estrabón (nado o ano 64 antes de Cristo na cidade de Amasia, actualmente en Turquía) foi un historiador e xeógrafo que escribiu a primeira descrición de Hispania coñecida que chegou ata os nosos días, no seu libro Xeografía. A el se debe a comparación da península ibérica cunha pel de touro estendida. Esta metáfora foi aproveitada por un dos poetas cataláns máis importantes do século XX para poñer o título dun dos seus poemarios máis destacados, La pell de brau (A pel de touro), de 1960, unha crítica da intransixencia da España de posguerra cos diferentes pobos históricos. Tras a súa publicación, Salvador Espriu (1913-1985) converteuse nun símbolo da loita antifranquista.

 Dalgún xeito, isto conéctao co protagonista da Hemeroteca de hoxe, xa que, non o esquezades, aínda seguimos no que foi declarado Ano Castelao, con motivo de cumprirse tres cuartos de século da morte do insigne intelectual rianxeiro. E, amais, porque no 25.º cabodano, é dicir, en 1975, atopamos un texto de encomio firmado por Espriu.

Deste texto falaremos despois de recordarvos que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires, no exilio ao que se viu obrigado polo seu galeguismo. Pintor, escritor e humorista con moita carga política, destacou pola defensa do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. O Estatuto fora apoiado en plebiscito polos galegos o 28 de xuño de 1936 e Castelao formou parte da delegación que foi a Madrid o 15 de xullo a presentalo nas Cortes Españolas para que o aprobaran. Pero os trámites non puideron culminar debido ao estalido da Guerra Civil, o 18 dese mes. O 20 de xullo marchou a Nova York e máis tarde, en 1940, á Arxentina, onde morreu dez anos despois. A noticia do seu pasamento foi publicada en La Voz o 10 de xaneiro, con moito coidado de parecer que cumpría as ordes de Dirección General de Prensa, como lembramos o pasado 15 de xaneiro na última páxina do xornal, na sección Así lo contó La Voz.

«Valor universal»

O eloxio de Espriu titúlase «Castelao, valor universal», e está escrito en galego. A transcrición que vas ler contén moitas expresións que hoxe cualificariamos de incorrectas gramatical ou lexicamente, pero imos respectar a forma orixinal do texto nos extractos que seleccionamos. Pensa que daquela o galego non estaba normalizado como hoxe.

Unha introdución ofrece a escusa para sortear desta volta a censura: «Co gallo da mostra que inaugúrase hoxe da Galería Sargadelos de Barcelona encol o Album Nós, fíxose un catálogo onde [Isaac] Díaz Pardo e Salvador Espriu falan de Castelao».

Sabiades que é Nós, unha das obras máis representativas de Castelao? Nós é un álbum de 49 debuxos que semellan viñetas coma as dos periódicos, pero máis elaborados, e analizan criticamente as condicións de vida do pobo galego. Debuxounos entre 1916 e 1918, expúxoos en Madrid, Barcelona e varias cidades galegas entre 1920 e 1924 e publicounos en 1931. O primeiro é un autorretrato.

O texto de Espriu comeza así: «Eu fun por primeira vegada a Galicia, a Santiago de Compostela, o ano 1934 [...]. Coñecín moita xente de Nós e merquéi e lin Os dous de sempre, ilustrado, si non me equivoco, polo mesmo Castelao. Relembro que o libro, na súa doble vertente literaria e plástica, prodúxome unha grande impresión».

O poeta fala a continuación da importancia da figura de Castelao: «Foi afirmándose e engrandecéndose día a día e trouxo, dentro dunha perspectiva xa histórica, un dos símbolos capitales da Galicia de onte, de hoxe e de sempre». Tras un eloxio de Díaz Pardo, fala da afinidade entre galegos e cataláns: «Castelao é un valor universal. Mais non hai ningunha dúbida que un catalán pode intentar velo e comprendelo cunha emoción e simpatía particular, pola relativa afinidade dos nosos problemas e os específicos de Galicia». Que culmina cunha valoración do álbum Nós: «Estas tenras, intelixentísimas, ferintes e nalgún intre arrepiantes —mais tamén espranzadoras— estampas e as súas lendas [...], esta alta leción do arte e do esprito da máis enxebre Galicia, mentras Castelao sorrinos, cecáis con ironía, con beizos finos dende a súa ganada e serea inmortalidade».

Seguen os actos

O Ano Castelao aínda non rematou. A proba é que seguen convocándose actos como o do recente 16 de outubro: a presentación dun documento rescatado por un funcionario dun xulgado de Pontevedra, a declaración de herdeiros do escritor. Ou a homenaxe que se lle fixo na Arxentina (La Voz, 24 de outubro).

ACTIVIDADES

1. Para completar esta Hemeroteca coñecendo un pouco máis a Espriu, recomendamos a lectura do poema XLVI de «La pell de brau», que se pode atopar en internet buscando os primeiros versos: «A vegades és necessari i forçós / que un home mori per un poble». Paréceche moi difícil lelo en catalán? Non te amoles, porque tamén o podes atopar traducido ao castelán.

2. Tamén e doado de atopar en internet o álbum «Nós», o das viñetas de Castelao. Parécevos que aínda é actual a Galicia que retrata nel?

Para saber máis 

Os subscritores poden acceder á Hemeroteca de La Voz desde lavozdegalicia.es/hemeroteca/