Un ano desde a vitoria de Trump

ESCUELA

Donald Trump.
Donald Trump. Elizabeth Frantz | REUTERS

O presidente máis polémico do mundo occidental era un empresario moi coñecido no país por construír rañaceos e presentar un «reality»

12 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 5 de novembro do 2025 fixo un ano desde que Donald Trump gañara as eleccións presidenciais dos Estados Unidos, e o 20 de xaneiro do 2026 cumprirase un ano desde que comezou oficialmente o seu segundo mandato (xa fora presidente do 2016 ao 2020). O seu regreso á presidencia xerou titulares en todo o mundo porque Trump é un político polémico, coñecido por tomar decisións inesperadas e pola súa maneira directa de comunicarse. 

Quen é Donald Trump?

Donald John Trump naceu o 14 de xuño de 1946 en Nova York. Aínda que di que é un home feito a si mesmo, que construíu o seu imperio partindo dunha vida normal, o certo é que o propio Donald admitiu ter recibido un millón de euros do seu pai (tamén construtor) en préstamos, e unha investigación do xornal The New York Times di que realmente recibiu o que hoxe serían máis de 400 millóns de euros do seu pai. Antes de dedicarse á política, Donald xa era moi coñecido por construír rañaceos, casinos e hoteis co seu nome, como a famosa torre Trump en Manhattan. Tamén foi o principal dono dos concursos de beleza Miss USA e Miss Universo desde 1996 ata o 2015, ano previo á súa primeira vitoria electoral. E ata presentou un programa de telerrealidade no que valoraba emprendedores. 

De que partido político é?

Trump pertence ao Partido Republicano, un dos dous grandes dos Estados Unidos. Os republicanos adoitan defender impostos baixos, apoiar a iniciativa privada e controlar a inmigración. A súa principal rival no 2024 foi Kamala Harris, candidata do Partido Demócrata. Esta formación xeralmente aposta por políticas sociais máis progresistas, como maior investimento en saúde, educación e medidas contra o cambio climático.

Durante canto tempo pode presidir os Estados Unidos?

Nos Estados Unidos, un presidente pode ocupar o Goberno (e vivir na Casa Branca) un máximo de oito anos, repartidos en dous mandatos de catro anos. Trump xa foi presidente entre o 2016 e o 2020. Se non hai cambios, podería quedar no cargo ata o 2028. Isto é o que di a Constitución dos Estados Unidos. Con todo, Trump insinuou en varias ocasións que lle gustaría estar máis tempo na Casa Branca e ter un terceiro mandato, porque cre que ninguén o fará mellor ca el. 

Por que se fala dun segundo mandato?

Porque non é a primeira vez que é presidente. Xa o foi entre o 2016 e o 2020. Nese último ano, perdeu as eleccións fronte a Joe Biden, pero Trump decidiu presentarse de novo catro anos despois. A campaña foi intensa nas redes sociais. Trump centrou a súa mensaxe na economía, prometendo crear empregos e reducir impostos, e criticou as políticas migratorias demócratas. Tamén atacou ao feminismo e manifestouse contrario ás medidas contra o cambio climático. 

Como foi este primeiro ano?

Tomou decisións, que chaman a atención tanto dentro como fóra dos Estados Unidos, referentes ao tema da inmigración, os aranceis e o seu enfrontamento indirecto coa Unión Europea.

Actividade básica

O Congreso

Nesta páxina falamos das eleccións para a Cámara de Representantes, que equivale ao Congreso dos Deputados en España. Investiga o tipo de eleccións dos EE.UU. e as de España. Parécense?

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

Cidades e estados elixen aos demócratas nas «midterm»  

O pasado martes celebráronse as eleccións de medio mandato —o seu termo inglés é midterm elections— en Estados Unidos, que teñen lugar entre eleccións presidenciais. Nestas elixíronse a gobernadores e alcaldes. Non deciden quen será presidente, pero son importantes porque marcan a influencia dos partidos a nivel rexional e local.

Nesta ocasión, os candidatos demócratas gañaron na maioría dos lugares onde se presentaban. Destacou a alcaldía de Nova York, onde Zohran Mamdani converteuse no primeiro musulmán en ocupar ese cargo. Ademais, naceu en Uganda, é de pais indios e defende a Palestina. Unhas vitorias que indican que os demócratas están a fortalecer a súa presenza en cidades e estados importantes, e axudan ao partido para recuperar confianza tras perder a Casa Blanca. 

Cautela nos demócratas

Aínda que soe a bo resultado, non hai que sacar conclusións demasiado rápidas. As eleccións intermedias adoitan depender de problemas locais e do perfil dos candidatos. Ademais, a participación é moito menor que nas presidenciais, e nestas eleccións adoita haber máis votantes demócratas activos que republicanos. Por iso, gañar nalgúns distritos ou cidades non garante que os demócratas vaian triunfar a nivel nacional, nin que Trump estea en problemas definitivos.

Agora ben, non podemos negar que estas vitorias si son útiles para os demócratas. Por que razóns? Danlles un impulso moral e permiten que se preparen para os comicios de metade de mandato do próximo ano, cando se renovará a Cámara de Representantes. Esta é unha das dúas partes do Congreso dos Estados Unidos, encargada de facer leis. Os seus membros representan aos estados segundo a súa poboación, con máis representantes nos estados máis grandes, e son elixidos polos cidadáns do seu distrito cada dous anos nestas eleccións de metade de mandato.

Un mandato sen complexos

Aínda non hai un ano desde que empezou o segundo mandato, e as decisións de Donald Trump xa xeraron debate. En inmigración, uns dos temas máis importantes durante a súa campaña electoral, aplicou normas máis duras, como que os solicitantes de asilo desde fóra xa necesitan ter emprego ou familiares en EE. UU. para conseguilo. Tamén se intensificaron as deportacións e a vixilancia na fronteira, o que para uns reforza a seguridade pero para outros vulnera dereitos humanos.

En cambio climático, Trump priorizou a industria sobre a protección do planeta: permite a explotación de petróleo e gas en zonas sensibles, suspende regulacións ambientais e retirouse de pactos internacionais importantes, como o Acordo de París, que buscaba limitar o quecemento global a 1,5.º C. Isto permite as empresas de Estados Unidos fabricar con menos límites pero prexudica ao planeta.

En termos sociais, os programas de axuda para familias de baixos ingresos foron recortados. Ademais, o Goberno federal atravesa na actualidade unha situación histórica: millóns de empregados levan traballado máis dun mes sen cobrar e moitas oficinas non funcionan. A falta de acordo entre republicanos e demócratas (que parece que está en vías de solucionarse) fixo que non haxa funcionarios. Imaxinades algo así en España?

Hai outra parte das decisións internas de Trump que preocupa moito a millóns de estadounidenses: a súa deriva autoritaria. Por exemplo, usa a Garda Nacional (que forma parte do Exército) para controlar as manifestacións. É como se aquí sae o Exército cando hai unha protesta. Ou esixe ás universidades privadas que non critiquen a súa política se queren recibir fondos do Goberno federal para investigación. Xa o dicía o seu segundo (JD Vance) en campaña: «Os profesores son o inimigo».

Trump celebrou o ano da súa vitoria no America Business Forum cun discurso no que dixo: «Despois de só un ano desde esa gloriosa elección, compráceme dicir que América volveu máis grande, mellor e máis forte que nunca». Fíxate na elección do adxectivo: «Gloriosa elección». Que cres que significa?

Actividade media

Un ano para analizar

Por grupos, escollede un dos temas que centraron o seu primeiro ano: inmigración, aranceis, cambio climático ou o uso da Garda Nacional. Profundade en cada materia e explicádello ao resto da clase con detalle. Podedes achegar artigos, entrevistas ou vídeos.

Dinamitou as relacións con Europa, o seu mellor aliado na historia

Unha area na que Donald Trump acaparou titulares nos medios de comunicacións foron as súas relacións internacionais. No seu primeiro ano desta segunda etapa, as súas decisións en política exterior sorprenderon e, ás veces inquietaron, ao resto de países.

Con Rusia, Trump combinou presión e negociación pola guerra de Ucraína, pero este ano a situación é especialmente tensa por outra razón. O presidente ruso, Vladimir Putin, anunciou o éxito de probas de mísiles nucleares avanzados, como o Burevéstnik e o dron submarino Poseidón. Considéranse armas capaces de causar destrución masiva. Así que Trump respondeu ordenando reactivar os ensaios nucleares en Estados Unidos, algo que non se facía desde hai décadas. Con China, Trump impuxo aranceis a moitos produtos chineses. Iso si, nunha reunión recente que Trump mantivo con Xi Jinping, anunciou que reduciría estes aranceis. China, pola súa banda, anunciou o fin do bloqueo das exportacións de minerais raros, que son clave na tecnoloxía moderna, enerxías limpas e a defensa.

Por último, no que a Unión Europea se refire, Trump mostrou desde o inicio do seu segundo mandato que xa non a considera como un socio ao que só se deben xestos diplomáticos clásicos ou automaticamente. Fíxolle xestos feos, como falar con Rusia sobre Ucraína sen telos en conta.

Entender: A loita contra o «woke», no centro da súa ideoloxía

É posible que, algunha vez, escoitarades o termo «woke». Naceu en comunidades afroamericanas de EE. UU. como unha alerta a «manterse esperto» ante as inxustizas, o racismo e a desigualdade. Co tempo, estendeuse a movementos que defenden dereitos de grupos historicamente marxinados, como os racializados ou o colectivo Lgtbi.

Pola súa banda, o anti?woke é a súa reacción, esa que considera que o «woke» converteuse nunha ideoloxía excesiva. Defende valores tradicionais, cuestiona programas de diversidade, equidade e inclusión, e pon o foco en que non se leve á política a vida cultural ou educativa. Agora ben, credes que isto é posible?, non é todo política?

Co seu discurso, Trump sitúase como un claro «anti-woke». «O woke ten que parar. Está a destruír o noso país. É unha bobada», dixo no 2023. O termo tamén foi demonizado por outros conservadores, como Javier Milei, de Arxentina. 

Actividade avanzada

O político ideal na clase

Dividide a clase en grupos, e detallade as características que vós credes que debe ter un bo político. Podedes falar da súa forma de ser, de obrar, de pensar... Despois, un dos integrantes, debe representalo e o resto da clase votar ao mellor.

Profundar: A súa linguaxe agresiva descualifica ao adversario, pero é viral e lle dá moi bo resultado

Se hai algo no que todo o mundo coincide é que a forma de falar de Donald Trump é moi provocadora. Non lle importa faltar ao respecto, nin dicir cousas que non son do todo verdade. Durante a campaña electoral, chegou a dicir que en Springfield os inmigrantes comíanse aos cans e aos gatos da xente local. O vídeo no que o di fíxose viral.

Outro trazo da súa linguaxe é o uso de etiquetas para desprestixiar aos seus rivais ou aos medios. Sobre o recente elixido alcalde de Nova York, Zohran Mamdani, chamou «estúpidos» a todos os xudeus que o votasen, polo seu apoio a Palestina.

No 2025, Donald Trump cargou contra varias institucións públicas de Estados Unidos e do estranxeiro. Interveu na Library of Congress e o Smithsonian, controlando persoal e contidos culturais. Tamén atacou ao Departamento de Xustiza ou á ONU.

Se vos fixades, unha parte importante da súa estratexia é a narrativa de «eles menten». Sempre presenta a calquera opositor como deshonesta ou corrupta. Antes das eleccións do 2020, que gañou Joe Biden, do partido demócrata, Trump alimentou a idea de que se aveciñaba unha fraude electoral. É máis, esta idea foi un dos factores que explicaron o asalto ao capitolio do 2021.

Esta forma de falar dálle moi bo resultado, porque as súas actuacións son virais, e a millóns de persoas ás que lles divirte. Senten que fala como eles porque é como eles.