O día dos récords guinness: unha xornada para o talento

S. P. RED

ESCUELA

Pinto & Chinto

19 nov 2025 . Actualizado a las 09:28 h.

Algún de vós pensou nalgún momento que tiña algún poder máxico, algo así como unha habilidade na que destacarades sobre os demais? Por exemplo, en facer contas matemáticas moi pero que moi rápido, ser superflexible ou mesmo en coñecer todas as capitais de todo o mundo. Pois xenialidades deste tipo aparecen nun libro anual, onde se recompilan os logros máis extraordinarios e curiosos realizados polos máis cativos. Aí aparecen os mellores resultados das áreas de deporte e ciencia, demostrando as habilidades e a creatividade de cada un. Porque todos somos especiais en algo.

Trátase da versión infantil dos Récord Guinness, dos que imos falar hoxe. Este venres, 21 de novembro, celebramos o día mundial dos récords guinness, unha xornada na que miles de persoas se unen cun obxectivo común: converterse nos protagonistas dalgún desafío, dando a coñecer novos récords mundiais.

Foi no ano 2005 cando a marca Guinness decidiu proclamar o día mundial dos récord guinness, e cada ano vai mudando a data, pero sempre se celebra en novembro. A idea dun libro no que se rexistraran os datos curiosos do mundo xurdiu na década dos anos cincuenta, cando o director xeral da destilería Guinness, sir Hugh Beaver, estaba de caza por Inglaterra cun compañeiro. Comezaron unha conversa sobre cal era a ave máis rápido do mundo, e aínda que non chegaron a ningunha conclusión, porque non sabían a resposta, de aí sacaron a idea: publicar un libro con datos curiosos. Daquela non sabían que ían ser os autores do libro máis vendido e famoso do mundo.

Seguro que vós tamén vos preguntades cousas curiosas. Por exemplo, a min ocórrenseme dúas: por que voan os avións? e por que as xirafas cando nacen xa son tan altas? A publicación logo foi evolucionando ata como a coñecemos hoxe: como unha colección de récords mundiais en logros dos humanos e en fenómenos do mundo natural. Mesmo o libro Guinness conta co seu propio récord: é o máis vendido de todos os tempos! Tamén é o máis popular nas bibliotecas de Estados Unidos.

É certo que tampouco hai que volverse loucos, porque publicacións como estas poden xerar en nós unha sensación negativa, de competitividade que non sexa sa. Poden fascinarnos todos eses récords, pero iso só é unha mostra do diverso que é o mundo. Algúns son máis rápidos, outros debuxan moi ben; en definitiva, cada un ten o seu talento. Anímovos a que atopedes o voso.