Día mundial da oliveira: simbolo de paz, sabedoría e harmonía

S. P. REDACCIÓN / LA VOZ

ESCUELA

Pinto & Chinto

Unha xornada para enxalzar o seu valor social, cultural, económico e medioambiental

26 nov 2025 . Actualizado a las 16:31 h.

Sabedes que teñen en común unha pomba e unha oliveira? Pois que, xuntas, simbolizan a paz e mais a harmonía dende a antigüidade. Tenvos que ser de sobra coñecida a imaxe dunha ave branca que leva colgada no pico unha ramiña desta árbore... Pois ben, este 26 de novembro, hoxe, celébrase o Día Mundial da Oliveira, unha xornada proclamada hai seis anos nunha reunión da Conferencia Xeral da Unesco. E, por certo, todos saberedes a que se dedica este organismo especializado das Nacións Unidas, xa que lle dedicamos un dos días internacionais destas últimas semanas.

O obxectivo desta xornada é fomentar a protección desta árbore milenaria e dos valores que leva implícitos, enxalzando o importante significado social, cultural, económico e medioambiental que ten para toda a humanidade.

Preguntarédesvos que ten que ver esta árbore con vós, ou como está relacionada. Orixinaria das zonas do mar Mediterráneo, caracterízase por dar como froito a popular oliva, grazas á que se elabora o noso ouro líquido: o aceite de oliva. Tamén é a produtora doutro aperitivo moi popular... que todos coñecemos como aceituna. En galego dise oliva. Entre outras curiosidades, esta árbore pode chegar a medir até doce metros, é de cor verde escura, o seu tronco é ancho e precisa para a súa supervivencia dunhas temperaturas que non sexan moi baixas. Por exemplo, Galicia non sería un bo lugar (hai un par de anos había rexistradas unhas cen hectáreas). No resto de España, as plantacións ocupan preto de tres millóns de hectáreas con 340 millóns de oliveiras.

Amais da paz, como símbolo que aparece ilustrado nalgunhas bandeiras (tamén na da Organización das Nacións Unidas), a oliveira asóciase coas propiedades de curación (esta árbore ten propiedades medicinais), de fertilidade (na antiga mitoloxía críase que se unha muller durmía baixo unha oliveira podía concibir un fillo, e hoxe os científicos estudan as propiedades do aceite de oliva para a fertilidade) e da vitoria (na antiga Atenas entregábaselles aos gañadores dos xogos precisamente unha coroa coas ramas das oliveiras, e aínda hoxe é común premiar con elas aos competidores de deportes como o ciclismo e as carreiras de motos).

Segundo explica a Unesco, esta árbore ten un gran valor para a humanidade e precisa ser protexida para evitar a súa extinción. Son moitas as súas propiedades no medio natural, xa que serve como protección para evitar a erosión dos solos e a desertización; e para frear, dalgún xeito, as emisións de dióxido de carbono á atmosfera, como unha barreira contra o cambio climático.

Hoxe a tarefa vai ser gastronómica: pensade en diferentes pratos que teñan como ingrediente as oliveiras. Cales son os preferidos da clase?