Estados Unidos dispara, desde setembro, a embarcacións venezolanas ás que acusa de narcotráfico no mar do Caribe, onde non pode facelo
09 dic 2025 . Actualizado a las 20:11 h.A relación entre Estados Unidos e Venezuela vive un mal momento. No seu primeiro mandato, Donald Trump puxo a súa atención no país de Latinoamérica, en especial, no seu presidente, Nicolás Maduro, a quen chama «ditador», «narcotraficante» e agora «terrorista». As tensións nunca foran tan intensas como agora.
Que está a pasar?
Estados Unidos lanzou unha campaña militar e legal contra grupos que acusa de narcotráfico e terrorismo en Venezuela: «Os cárteles son o ISIS [grupos terroristas islamistas] do hemisferio occidental», chegou a afirmar Trump. Para iso, usa portaavións, avións de combate e drons para vixiar o Caribe e atacar barcos sospeitosos de transportar drogas. Donald Trump sinalou publicamente ao presidente Nicolás Maduro como líder dun grupo terrorista, ofrecendo unha recompensa de 50 millóns de dólares por información que permita capturalo, e a semana pasada mandou pechar o espazo aéreo venezolano. Non presentou ningunha proba nin ningún apoio xurídico. Venezuela nega estas acusacións, di que con moitos ataques a barcos mataron a persoas inocentes e que Estados Unidos está a violar a súa soberanía como país independente.
Cando comezou o problema?
O primeiro ataque a un barco que, segundo a administración levaba droga, ocorreu o 2 de setembro e morreron once persoas. Desde iso, producíronse máis de vinte ataques contra embarcacións que eles consideran sospeitosas, e morreron unhas 83 persoas en total.
Que ocorreu desde entón?
Os ataques continuaron. O problema é que estas operacións fixéronse en augas internacionais preto de Venezuela e Colombia, e Estados Unidos xustificou cada ataque alegando que as embarcacións transportaban drogas e eran perigosas para o seu territorio. Pero Estados Unidos non pode operar en augas internacionais. Venezuela asegura que moitos barcos eran de pesca, e que estes ataques constitúen asasinatos inxustos a persoas inocentes.
Que din os expertos?
Expertos en dereito internacional e organizacións de dereitos humanos criticaron os ataques. Din que usar a forza letal en barcos no mar sen xuízo nin probas claras pode ser ilegal e perigoso.
E a campaña militar?
Nesta operación, Estados Unidos fixo unha enorme despregadura militar no Caribe (doce buques de guerra, un deles con 5.000 mariñeiros e 75 avións, e un submarino), o que lles permite vixiar o mar. Di que estas medidas buscan frear o tráfico de drogas que podería chegar ao seu territorio.
Maduro é un ditador?
Nicolás Maduro é presidente de Venezuela desde o 2013. Nas últimas eleccións (xullo do 2024), os observadores internacionais aseguraron que tiña gañado o seu rival, Edmundo González, resultado que Maduro non o recoñeceu. González escapou do país coa axuda de España, hai xente encarcerada sen as mínimas garantías e desde entón se intenta negociar a saída de Maduro sen que haxa unha guerra civil.
Os motivos detrás dos ataques de Estados Unidos
Estados Unidos xustifica os ataques ás narcolanchas dicindo que o seu obxectivo é deter o narcotráfico, pero segundo a axencia contra as drogas de EE. UU., a DEA, só o 8 % da cocaína que chega ao país ven de Venezuela, e o fentanilo, que é o grande pesadelo da sanidade estadounidense, fabrícase case na súa totalidade en México.
Así, a cantidade de barcos e tropas que enviou ao Caribe suxire que hai algo máis detrás destas accións. En que se basean estas apreciacións? Estados Unidos quere botar do goberno venezolano a Maduro porque, como xa dixo en varias ocasións, «se Venezuela é libre, Cuba e Nicaragua serán libres». Estes países son aliados de China, Rusia, Corea do Norte e Irán. Trump cre que Estados Unidos só pode manterse como potencia global (hoxe é a primeira, pero seguida moi de preto por China) se controla o hemisferio norte e Europa.
Para moitos analistas políticos, hai ademais un interese económico no goberno estadounidense: Venezuela ten a reserva de petróleo máis grande do mundo, con máis de 300.000 millóns de barrís. Hai unha compañía de EE. UU. moi importante, Chevron, que extrae petróleo en Venezuela e ten unha relación moi complexa co goberno local, aínda que lle proporciona diñeiro para manter o mínimos servizos. Tamén conta Venezuela con reservas de minerais que Trump quere que exploten empresas estadounidenses.
En pé de guerra
O Goberno de Maduro fala de «imperialismo estadounidense» para explicar todas estas accións, e fai do enfrontamento un asunto central porque lle serve para manter a unidade do país, fortalecendo a lealdade do Exército e xustificando que a poboación se prepare para defender o territorio. Os ditadores tenden a buscar inimigos fóra para evitar que a sociedade se alce contra deles, e mesmo lle permite deter xente sen xustificación.
Actividade básica
Venezuela
Para saber do que falamos, é necesario situalo no mapa. Por iso, collede un mapamundi e buscade nel a Venezuela. Logo, investigade sobre a súa historia e a relación que ten con Galicia.
-------------------
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Legalidade e democracia: os delincuentes teñen dereitos
A presunción de inocencia, a prohibición de torturas ou garantir un xuízo xusto son algúns dos dereitos dos criminais, incluso, confesos
Os recentes ataques de Estados Unidos a presuntas narcolanchas venezolanas provocaron un debate sobre os límites do poder do Estado e sobre como se deben tratar incluso aos que cometen delitos graves. Porque, aínda que alguén sexa acusado de tráfico de drogas ou outros crimes, segue sendo un ser humano con dereitos fundamentais que deben ser respectados. Esta idea, que pode parecer obvia, aplícase de forma moi concreta nas democracias, especialmente na Unión Europea.
Primeiro, está a presunción de inocencia, un principio que significa que ninguén pode ser considerado culpable ata que un tribunal o declare así. Noutras palabras, aínda que alguén confese un delito ou sexa sospeitoso, o Estado non pode tratalo coma se xa fose culpable; debe existir un xuízo xusto. Relacionado con isto está o dereito á defensa, que implica que a persoa acusada poida contar cun avogado, preparar o seu caso e defenderse das probas. Non ter acceso a un avogado ou que se lle negue o dereito para falar no súa defensa sería unha violación grave da xustiza.
Outro dereito fundamental é a prohibición da tortura e de tratos crueis, inhumanos ou degradantes. Isto significa que ningún Estado pode inflixir dor física ou psicolóxica a unha persoa para obter información, castigala ou intimidala. Incluso os delincuentes confesos non perden este dereito.
Máis aló das leis, hai un principio ético universal: todos os seres humanos conservan a súa humanidade. Un Estado democrático ten a responsabilidade de protexer esta humanidade, mesmo cando enfronta delincuentes perigosos. Isto non significa que non se lles persiga ou que non se lles xulgue, senón que as accións do Estado deben respectar os dereitos fundamentais, a dignidade e a vida de todas as persoas.
Noutras palabras, os delincuentes non deixan de ser persoas. E un Estado que se considere democrático debe velar escrupulosamente por que a xustiza se aplique con humanidade, respecto e legalidade, lembrando sempre que os dereitos fundamentais non desaparecen por cometer un delito.
Un Estado democrático sempre debe estar por enriba da violencia
O respecto que debe haber dos dereitos humanos podémolo ver na loita contra o terrorismo que se libra en todo Occidente. Está claro que o terrorismo é rexeitable, pero un Estado democrático non pode responder rompendo os seus propios valores. A forza bruta por si soa, a vinganza ou a arbitrariedade non só non resolven o problema senón que poden alimentar máis violencia. Un Estado democrático debe combinar a aplicación estrita da lei con mecanismos de diálogo e mesmo xenerosidade. Ao final, se ambos lados quitan vidas, quen son os malos?
Vos dou dous exemplos: España e Israel. Durante catro décadas, a banda terrorista ETA asasinou en España a 900 persoas e secuestrou a 100. Pero só cando a resposta do Estado incluíu investigación policial, trato garantista aos presos, xuízos xustos e aplicación de penas conforme á lei, a democracia gañou esta loita ao poñer do seu lado á cidadanía. Aínda que escoitedes outra cousa, ETA deixou de matar no 2011 e deixou de existir no 2018.
Pola contra, Hamas é un grupo terrorista que dende 1987 está enfrontado a Israel (quere que os xudeus saian de Palestina). Ata o ataque de setembro do 2023, morreran nos enfrontamentos 11.600 palestinos e 1.800 israelís. No 2023, Hamas asasinou a 1.200 israelís nun brutal ataque, e como resposta Israel matou a 70.000 palestinos (uns 20.000 nenos).
Actividade media
Un xuízo xusto na clase
Por grupos, dividide a clase en roles: xuíz, fiscal, defensa, acusado, vítima, xornalistas, ONG, público. Presentade un caso sinxelo (roubo, vandalismo…) e cada grupo debe argumentar a súa posición, tendo en conta o respecto aos dereitos que vos dixen.
ENTENDER
Un asasino tamén ten que ter un avogado
- É posible que, cando leas as noticias, vexas que un asasino de nenos ou un violador sométese a un xuízo xusto e ten dereito a unha defensa. Isto ten unha razón de ser.
- «Teñen dereito á defensa pola mesma razón polo que teñen dereito á asistencia sanitaria. Iso non debería cuestionarse nun sistema democrático. Porque o dereito fundamental á defensa de quen cometeu un feito moi grave é tamén o noso dereito, o que teriamos os demais se nos vísemos inxustamente acusados ou sometidos a un proceso», responde Alejandro M. Martín, avogado, que engade: «Nós tamén esixiriamos a garantía de ser escoitados, de poder defendernos e de non ser condenados sen probas».
- O experto destaca que os avogados non defenden o delito, senón a legalidade do procedemento. Así, cando o fan en caso de delitos moi graves, tamén defenden ao resto.
Actividade avanzada
Unha condena revisable
Nesta temática pode resultar interesante que investiguedes sobre que é a prisión permanente revisable no noso país, en que casos pode aplicarse en España e desde cando está en vigor. Podedes buscar como foi xustificada pola política.
PROFUNDAR
Por que non existe en España a pena de morte ou a condena perpetua para os condenados?
- No sistema español, non se contempla nin a pena de morte nin a condena perpetua, non importa o grave que sexa o delito. Si existe a prisión permanente revisable.
- Que busca o sistema penal español cando condena a unha persoa? «As penas que impón a lei penal teñen como fin previr a comisión de delitos, e cando son penas privativas de liberdade, o seu cumprimento debe orientarse á reeducación e reinserción do penado. España, do mesmo xeito que as democracias europeas, renunciou á pena de morte por convicción histórica, moral e cultural», responde o avogado Alejandro M. Martín.
- No noso país, a pena de morte desapareceu de forma definitiva en 1995. Aínda que na Constitución de 1978, pódese dicir que houbo unha primeira fase porque a eliminou en tempo de paz pero a mantivo na lexislación militar en caso de guerra.
- Aínda hai sitios que manteñen a pena de morte ou a condena perpetua, como algúns estados de Estados Unidos. Agora ben, pode carecer de sentido. Así o explica, Martín: «Ambas demostraron non ser útiles para ningún dos fins da política penal. Porque alí onde se aplican non reducen nin preveñen os delitos máis graves nin son, evidentemente, un instrumento para a reinserción. Son medios máis propios dun dereito penal da vinganza, que non debe ser o fin da política criminal nunha democracia».