José Tubío, investigador do Cimus: «Hoxe podemos curar máis do 40 % dos tumores»

C. Martínez

ESCUELA

XOAN A. SOLER

Visitou os alumnos do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago dentro do programa «De 0 a 100»

03 dic 2025 . Actualizado a las 15:42 h.

Espertar vocacións en centros de secundaria. Ese é o obxectivo de De 0 a 100, o programa que La Voz leva a cabo en colaboración coa Consellería de Educación. O último convidado, José Tubío, achegouse ao centro IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago para falar sobre unha enfermidade que, por probabilidade, moitos viven de preto: o cancro. Aínda que confesou ante os alumnos que el quería ser médico e levou unha decepción cando non conseguiu a nota, a día de hoxe é investigador líder do grupo Xenomas Móbiles e Enfermidades no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus). «Un traballo que me encanta», engadiu.

Tubío estudou Bioloxía na Universidade de Santiago, e completou a súa formación en Barcelona e Cambridge. O equipo de investigación que lidera Tubío a día de hoxe estuda a xenómica das células cancerosas, e para explicar o para que remontouse á orixe da enfermidade. «Unha célula pode dividirse sen control. Ese proceso empeza como algo que non ten por que ser maligno, pode ser unha lesión benigna que non ten importancia, como a aparición dun lunar», exemplificou. Pero cando ten a capacidade de crecer, invadir tecidos circundantes e «mesmo migrar a outras partes do corpo (metástase), aí comprométese a función dos órganos e a vida do individuo».

A boa noticia, que el mesmo deu aos rapaces, é: «A día de hoxe somos capaces de curar máis do 40 % dos tumores, o que indica que lle empezamos a ganar a guerra». Xustamente este termo bélico é rexeitado por moitos pacientes, porque implica unha presión ou un sentimento de culpa ante unha enfermidade cuxa curación non depende deles. «Pero para nós, os investigadores, si o é. Eu traballo nunha desas frontes contra o cancro identificando mutacións xenéticas que no futuro poden servir para desenvolver tratamentos máis específicos», explicou.

«Para nós, o cancro si é unha guerra: eu traballo contra el»

O premio nacional de investigadores en cancro Doctores Diz Pintado contou que, despois de quince anos de estudar mutacións xenéticas en cancro, se deron conta de que «moitas mutacións xenéticas que provocan o cancro ou que o promoven xorden moitos anos antes de que este se diagnostique: na infancia, na adolescencia; ou por unha excesiva exposición ao sol». Incluso as hai que se herdan na familia e confiren un maior risco de padecer cancro ao longo da vida.

Tubío foi claro: «Nunca acabaremos co cancro porque ao medrar e facernos vellos aumentan as mutación e os danos nas células, pero si será posible ter tratamentos cada vez máis eficaces, que xunto co diagnóstico temperá, reducirán a mortalidade». O obxectivo dos investigadores como el é outro: «Aspiramos a cronificar a enfermidade». Non curala por completo, senón mantela baixo control.