Unha reforma para demoler a lei

Sabela Iglesias RESPONSABLE DE LITORAL DE VERDEGAIA

ESPAÑA

11 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Con esta nova reforma preténdese a demolición dos obxectivos e principios xurídicos da Lei de Costas do ano 1988. Nace coa idea de consolidar e legalizar os desmáns que se viñan a producir en toda a costa. Vese o litoral como un recurso económico a explotar coa perspectiva de favorecer intereses particulares privatizadores. A reforma racha co principio de que o litoral é un ben de todos, e a costa, un valor natural en si mesmo. O Goberno corta polo san modificando a definición do dominio público marítimo-terrestre cuns criterios orientados á privatización de boa parte deses espazos, limita a inclusión das dunas no dominio público, o que pode conlevar a urbanización de moitos sistemas dunares como Corrubedo, Barra, A Lanzada, etcétera. Prevé desafectar os terreos que quedan no interior dos paseos marítimos, o que supón unha importante ameaza para aqueles núcleos urbáns e periurbáns que teñen construídos paseos marítimos sobre cordóns dunares ou partes altas da propia praia. Deixa fora do dominio público marítimo terrestre aqueles terreos para acuicultura que sexan inundados artificialmente con capacidade de inundarse de xeito natural, o que da vía libre a instalacións acuícolas en primeira liña de costa.

Contémplase a reducción de 100 a 20 metros na zona de servidume de protección para o 75 % da costa, as concesións públicas amplíanse de 30 a 75 anos, e saca da manga un sistema de silencio positivo perpetuando os usos privados dentro do dominio público marítimo-terrestre.