Entrevista | Xosé Luís Bernal Creador de personaxes como Farruco ou o Don Alfonso da serie de televisión «Terra de Miranda», o día 29 pronunciará na praza de Armas o pregón das Festas de Verán
12 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Todo un luxo. Un clásico, Xosé Luís Bernal, claro que o é. Actor de infinitos rexistros e humorista querido por galegos de todas as xeracións, será el quen inaugure as festas de Ferrol. -Antes de nada, déixeme preguntarlle algo que me ten intrigado desde hai tempo... - Prejunte . -¿É verdade iso de que vostede, sendo rapaz, chamou por teléfono a don Manuel Peleteiro, ao director do seu colexio, facéndose pasar polo cardeal Quiroga Palacios, para que lle aprobasen o curso? -Non, é completamente falso. -¿Seguro...? -Por completo. Quen fixo iso foi meu irmán Diego, que tamén tiña unha grande facilidade para imitar voces, especialmente as de membros da curia. E como el tiña medo de que non lle aprobasen Sexto, chamou a Peleteiro, facéndose pasar polo cardeal e dicíndolle que un alumno, Bernal, quería abrazar a tonsura eclesiástica pero que o seu pai, un descrido, non o deixaba se non aprobaba antes o curso, e que por favor, confidencialmente, fixese a vista gorda coas notas. -E aprobárono... -Aprobaron, claro. Eu ao cardeal pedinlle axuda, e co meu propio nome, pero moito despois. Foi cando estiven facendo a servizo militar, na milicia universitaria. Instruíronme un expediente disciplinario. -¿Que fixera, logo...? -¡Huiiiii....! Foi por unha chea de cousas: por desacato a un superior en la persona del teniente coronel , por u so de términos injuriosos para la figura del jefe del Estado , por c ánticos subversivos después del toque de silencio , por confraternización con la tropa ... Entón, desde o calabozo, escribinlle a Quiroga Palacios. Eu poñíalle: Eminencia, soy la más negra oveja de todo su rebaño, que besa sus púrpuras y que en estos terribles momentos de desesperación en los que temo acabar atentando contra mi propia vida le ruega que acompañe a mi madre en su dolor ... -¿E Quiroga salvouno? -¡Siiiii...! Grazas ao cardeal, saín do calabozo. E degradáronme de alférez, pero non me mandaron ao Aaiún sete anos, que era o que me querían facer. -Por certo, no pregón de Ferrol, ¿quen vai estar con vostede, no palco do Concello? ¿Estará Farruco, estará Don Alfonso o Veterinario...? ¿Quen será? -Eu penso que ese día serei máis Don Alfonso, que é ese señor que eu levaba dentro sen sabelo. Haille que dar solemnidade á ocasión. Aínda así, Farruco non andará moi lonxe, porque el sempre está comigo. -Ese Don Alfonso culto, descrido, a veces atormentado, moito máis sensible do que aparenta ser. -Si, un home moi racional, pero ao mesmo tempo nada alleo a todo ese mundo máxico tan cunqueiriano... -Amigo de prodixios. -¡Até de Merlín son amigo eu! Fixen amizade con el en Mondoñedo, nas rodaxes de Terra de Miranda . -Non me diga... -Si, si. Amigo de Manolo Merlín; de Monteiro, claro -ri-. Do vello libreiro que agora se disfraza de mago. -Cunqueiro queríalle moito a seu irmán Diego. -Había unha química especial entre os dous. Don Álvaro era un home irrepetible. Lembro unha ocasión na que meu irmán e máis eu fomos a un acto a Vigo. Inaugurábanlle unha rúa a Cunqueiro. E el sorría e dicía: «¡Estádesme a facer un funeral de primeira!». -¿Que pensa de Ferrol? -Ferrol está cheo de maxias, é un lugar feito para cantar. ¡Un bo sitio para Merlín, tamén...! Aínda che hai algún señoritos deses que te les cuesta mucho hablar el... ¡ En fin! Pero o que ten Ferrol sobre todo é verdadeiro señorío. Encántanme as Pepitas, encántanme as súas tabernas, a xente... ¡e encántame o mar!