R
ecentemente levantaron polémica as declaracións de Juan Rosell, presidente da confederación de empresarios, referentes aos «funcionarios prepotentes e incumplidores», «consentir que se tarde oito anos en rematar unha carreira de cinco», «dicir que non a quen se apunte ao paro por que si» entre outras frases entresacadas da conferencia lida na Ágora el Economista o pasado día 18 e recollidas polos medios de comunicación.
Como as declaracións extractadas soáronme máis que fortes fortísimas, fixen o máis recomendable: acudir ás fontes da CEOE (http://tinyurl.com/18r). Unha vez lidas ao completo as argumentacións de Rosell suxeriría este texto para a súa lectura e debate en praza pública, en familia, en lugares de prédica, colexios e locais de hostalería varios, para ver se asumimos a esencia da proposta do conferenciante, contida tamén nun verso do himno galego: «...desperta do teu sono, fogar de Breogán...»
Porque este país necesita cambiar a mentalidade das súas xentes dende os primeiros anos de vida, nun aprendizaxe máis de emprendedor que de rentista como, por outra banda, foi a realidade da xeración dos nosos avós. Aínda están entre nós xentes que saben o que é tirar para adiante co diñeiro ao 19%, que non usaron cartos de plástico, que sabían que non podían telo todo, xa.
Moitos dos exemplos citados por Rosell son moi matizables, pero a súa mensaxe contén vías de solución.