Díaz Castro, nos ollos do Ferrol dos poetas

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

X. MARRA

A cidade, capital literaria da Galicia dos anos 50 e 60, estivo moi vencellada ao escritor

16 may 2014 . Actualizado a las 13:18 h.

Puidera parecer, aínda que nada estaría más lonxe de ser certo, que a súa ausencia de Galicia, que foi unha constante durante boa parte da vida de Díaz Castro, fixo del un descoñecido, no seu tempo, para todos ou case todos os galegos. Pero non foi así. E non o foi, especialmente, en Ferrol, a moi literaria capital galega das letras nos anos cincuenta e sesenta do pasado século, onde os integrantes da tertulia da revista Aturuxo, (a de Carlos Vidal, Tomás Barros, Mario Couceiro...), que se reunía na chocolatería Bonilla, fronte á praza do Callao, mantiveron unha intensa relación epistolar con poetas de todo o país.

En Ferrol leuse Nimbos, a opera magna de Díaz Castro, case antes que en calquera outro lugar. E leuse, ademais, cunha atención, e aínda se diría que cunha devoción, que fixo que a cidade naval tivese no poeta dos Vilares, desde a aparición do libro, un verdadeiro horizonte.

Ricardo Carballo Calero

Non hai que esquecer, tampouco, que de Ferrol era un dos homes que máis fixo por darlle a coñecer ao mundo a transcendencia de obra de Díaz Castro: Ricardo Carballo Calero. Carballo -que como poeta, tamén, el mesmo, viría sendo ademais un compañeiro de xeración do autor de Nimbos-, foi, na súa calidade de investigador, un dos primeiros estudosos da literatura galega que entendeu a verdadeira dimensión da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo.

Unha escola, esa, da que é fillo o propio Díaz Castro, como o eran tamén o seu grande amigo e mentor Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela ou Leiras Pulpeiro. Autores todos eles que xa foron agasallados no seu momento cun Día das Letras. Unha distinción que tanto merecen, e polo que aínda agardan, o propio Carballo Calero e, naturalmente, Xosé Crecente Vega.

O crego de Xuvia

Crecente, poeta, chairego de Castro de Rei e igualmente alumno do Seminario de Mondoñedo, tivo unha decisiva influenza no obra do autor de Nimbos e foi crego en Xuvia, ademais de, en calidade de estudante por libre, alumno do Instituto de Ferrol. Díaz Castro, outro home de fonda relixiosidade, naceu, pola súa banda, nos Vilares, no lugar do Vilariño, que daquela pertencía ao antigo municipio de Trasparga, e que hoxe forma parte do termo municipal de Guitiriz. Viu a primeira luz, polo tanto, no que xeograficamente é unha das Portas da Terra Chá. Un territorio que hoxe pertence á comarca da Terra Chá, aínda non sendo aquilo exactamente parte da Chaira. Cousa que, en calquera caso é de celebrar, posto que na práctica vén recoñecer que esa Terra Chá, tan rica en poetas e corazón espiritual da Galicia do Norte, é, sobre todo, unha realidade espiritual. E ademais unha emoción, se me permiten vostedes o comentario.

E alí aprendeu a ler, na escola de Dona Clotilde, como recorda Segundo Leonardo Pérez López, deán da catedral de Santiago, presidente da Academia de San Rosendo e un dos mellores coñecedores da vida e a do obra de Díaz Castro, a quen lle vén de dedicar o seu último libro, A ferida da beleza en Nimbos.

Os parentes, os amigos....

Tiña e segue tendo, Díaz Castro, parentes en Ferrol. Un dos seus familiares, chegado daquela mesma porta da Terra Chá -e pai do xornalista e escritor Germán Castro-, foi mestre en Esmelle, onde se garda a súa memoria con verdadeiro agarimo. Un pouco parente do poeta é tamén, aínda que por outra rama da familia, o propio deán Pérez López, sempre tan vencellado a Ferrol, municipio onde na súa mocidade exerceu como coadxutor en Caranza.

Un dos máis grandes amigos de Díaz Castro, Xesús Castro Prieto, foi párroco en Santa María de Neda. A súa amizade viña desde nenos, dos primeiros tempos do seminario. Nese seminario onde outro dos seus compañeiros, por certo, foi Marcial Calvo, despois alcalde de Narón.