Javier Rodríguez Fariñas, especialista de uci covid: «O peor é cando dis á familia que non hai saída e só lles queda unha visita»

FERROL

O coronavirus multiplicou os ingresos nunha unidade que se reforza continuamente con médicos doutros servizos
17 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Javier Rodríguez Fariñas (Ferrol, 1959) ten unha longa traxectoria tratando os enfermos máis críticos, primeiro no hospital Naval e desde o 2008 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Recoñece que o último ano foi durísimo pola chegada dunha enfermidade tan descoñecida e imprevisible como o covid: «Estamos alonxados fisicamente da familia, a comunicación non é persoal como antes; agora todas as noticias se dan por teléfono e non é sinxelo: o peor é cando dis á familia que non hai saída e só lles queda unha visita para despedirse do seu achegado».
-Nos últimos días comunicáronse nove mortes por coronavirus na área sanitaria, incluso unha de unha persoa de 51 anos... ¿Como se encaixa esta situación?
-É duro porque non soemos falar coa familia en persoa, sempre hai unha barreira, a do teléfono, que nos impide o resto da comunicación, os xestos. É unha barreira moi importante á hora de comunicar calquera noticia e se esta é mala, a dificultade se multiplica. O peor é cando tes que dicir que xa non hai unha solución clínica para o seu achegado e lle ofreces a posibilidade de que veña visitalo, pero é unha visita de despedida.
-E ter que dar esa mensaxe a través do teléfono...
-Pero cando veñen aquí acompañámolos o persoal de enfermería, auxiliares e os médicos, que somos os que temos que facer esta tarefa, xa que son momentos moi complicados.
-É un momento duro, pero unha mellora, xa que na primeira onda non se podían nin despedir...
-Nalgún momento pensas: se me pasa a min, se lle pasa a algún familiar non sei como podería soportar esta situación de non poder visitalos, só velo para despedirse sen poder estar xuntos ao mellor en tres ou catro semanas porque teñen que estar illados desde que ingresan.
-¿Cré que ese illamento inflúe negativamente na evolución?
-Os pacientes que están graves por covid están sedados: afortunadamente non se dan conta do que está pasando e desgraciadamente xa non son conscientes da súa situación. O problema principal é cómo toma conciencia o familiar ante a evidencia de que vai perder un ser querido.
-¿Como é o momento no que se seda a un destes pacientes?
-Tratamos de explicar o que vai pasar: que é o que temos que facer e por que o facemos. A maior parte das veces cando lles dis que tes que durmilos e intubalos... Por dicilo dalgún xeito poñen cara de sorpresa e resignación, como se xa souberan que isto podía pasar nalgún momento da súa evolución. O que tratamos de transmitirlles sempre é unha mensaxe positiva, que se trata dunha medida para que os seus órganos se recuperen e que cando estean suficientemente ben ímolos espertar e facer que saian adiante. Tratamos de que se queden con esta idea de que chegará un momento no que imos espertalos e quedarán cun tubo na boca que lles está axudando a respirar e que cando estean mellor ímolo quitar. Esa idea é fundamental para ese momento.
-Estes procesos facíanse antes con outros pacientes críticos, pero agora son máis frecuentes, ¿que máis cambiou o covid?
-A carga, que é moi grande, esta cantidade de pacientes, hai días que hai que estar con cinco ou seis intubacións cando eu mais os meus compañeiros non tiñamos que facer isto de forma tan habitual. É unha cantidade moi superior á que se necesitaba antes da pandemia, pero, vaia, é un proceso estandarizado, o mesmo que faciamos cando nos chegaba unha neumonía producida por unha bacteria común das que se collen na casa ou unha gripe que se complicaba.
-¿Ten algún recordo que o marcara, tanto positivo como triste?
-Non quero facer unha anécdota de ningún paciente en particular, a min o que me impresiona é cando informo as familias por teléfono, o agradecemento que me transmiten. Iso impresióname a diario, porque comprenden o labor que estamos facendo e o agradecemento que nos transmiten nos dá a todos forzas para seguir ao pé do canón.
-¿Como ve a evolución da pandemia na área?
-Eu non son epidemiólogo, pero o que si podemos ver son as cifras e a cantidade de pacientes que temos atendido nas ondas e foi progresivo o incremento. Se volvemos a darlle outra oportunidade ao virus, é dicir, se é que se volven facer reunións familiares ou sociais outra vez, virá outra onda e se partimos de niveis máis altos, as ondas van ser máis grandes cás anteriores cada vez. Haberá que esperar para ver como imos adaptando as incidencias que imos adquirindo. Esperemos que os efectos da vacina tamén se vaian notando, iso nos axudará a ir a mellor.
-¿Ademais da vacinación, que mudou dende a primeira onda?
-En Ferrol nunca chegamos a estar sen medios, pero agora temos unha maior dispoñibilidade de medios materiais, sobre todo de equipos, de tecnoloxía de electromedicina, todo isto xa non é un problema e temos abastecemento. O que tamén cambiou é que precisamos moita máis xente para atender todos estes picos e houbo que reclutar xente de departamentos de medicina que podían ser afíns e facer con eles unha formación apresurada coa axuda inestimable dos supervisores e a xente máis veterana para poñelos ao día e así ser máis para traballar nas xornadas onde nos chegaban máis pacientes.
«En momentos puntuais tivemos que facer traslados por falta de espazo físico na unidade»
O especialista Javier Rodríguez Fariñas recoñece que cada día se enfronta a unha realidade dura tratando os enfermos máis graves de coronavirus, pero tamén destaca a labor de compañeiros doutras áreas que se están integrando no equipo da uci para atender a enfermos. «Medios e os equipos humanos están funcionando ben, pero si que tivemos que facer algún traslado a hospitais da comunidade por falta de espazo físico no noso hospital». Rodríguez Fariñas alerta de que esta pandemia puxo ao descuberto as fallas dun sistema sanitario que se cría que estaba en mellor estado: «Nos últimos anos adelgazáronse as plantillas e hai que recuperar o persoal sanitario, que é o maior tesouro, e hai que mimalo máis, que estean implicados e iso pasa por dar estabilidade laboral. Os edificios, a tecnoloxía, é importante, pero os recursos humanos non se poden substituír».
-¿Como se atopa o equipo da uci tras meses tan intensos?
-O persoal sanitario está como está actualmente a poboación: facemos esforzos, a cousa resulta un tempo, pero volvemos ter pronto o problema enriba e cada vez é peor e máis grave. Isto causa desesperanza, porque tes tan presentes a enfermidade, os falecementos... Todo pasa factura, ¿somos conscientes diso? Eu penso que si, pero non sei cando nos vai a repercutir na nosa vida, supoño que os psicólogos poderán contestar, non estamos sendo conscientes do estrés que nos está causando todo isto e se dentro dun tempo terá repercusións máis traumáticas.
-¿Pensa que a xente é consciente da gravidade da pandemia?
-A maior parte si porque lle toca de cerca tanto economicamente como no seu día a día nas restricións de todo tipo que temos, claro que sempre hai irresponsables que negan a realidade. Aínda que todos temos xa un familiar ou un coñecido que enfermou ou que incluso morreu a causa do virus.