Xosé Manuel Felpeto: «O toxo foi moi importante para a economía das familias do rural durante a posguerra»

FERROL

CEDIDA

Gañador do Premio de Investigación Ferro Caaveiro

20 oct 2022 . Actualizado a las 00:04 h.

Xosé Manuel Felpeto Carballeira (Cabreiros-Xermade, 1961) viviu desde os 14 anos nas Pontes e retornou á aldea despois de prexubilarse, hai xa máis dunha década. Dedicou a súa vida profesional á electrónica e ás telecomunicacións, sen perder oportunidade de mergullarse no mundo da cultura, ao que dedica agora case todo o seu tempo, como escritor, actor e mesmo dinamizador social da súa contorna. É o gañador do noveno Premio de Investigación Ferro Caaveiro, convocado pola Asociación Patronato do Museo Etnográfico da Capela, co traballo O Toxo. Terra, espiñas e fermosura, no que afonda «na importancia que tivo o toxo para a economía das familias do rural na posguerra». Hana Santamariña Fernández levou o segundo, con O esquecemento da memoria. As pegadas do patrimonio da Capela; e Secundino García Mera, o terceiro, por A Capela mudando no tempo.

—En que sentido foi tan importante o papel do toxo?

—O primeiro que había que ver era que as familias, na posguerra, tiñan un contexto moi distinto, con fillos, pais e dous ou tres avós convivindo na mesma casa. Entre as necesidades que realmente eran imperiosas a natureza xogaba un papel importantísimo. E o toxo tiña tres significados. Un era para o gando, como alimentación e tamén para estrar as cortes, de onde se xeraba o esterco para abonar as terras. Outra na casa, para a calefacción, os torgos (as raíces do toxo) tiñan un poder calorífico moi alto nas lareiras. E o terceiro era na elaboración da comida, quentábase o forno para facer as fornadas do pan cada 15 días. Daquela, o pan e a carne, cando a había, eran primordiais na alimentación.

—Aborda algún aspecto máis...

—Si, ao final do traballo tamén falo do aspecto máis curativo, as infusións que se facían e se utilizaban para curar algunhas doenzas, a partir dunhas substancias que hai na flor do toxo.

—Sen esquecer a paisaxe.

—Terra, espiñas e fermosura... É innegable que os nosos montes, incluso para o ánimo, son moi bos. Se o inverno se fai longo, os primeiros que nos alegran a vista son os toxos, ao velos florear, anuncian que vén o sol e a primavera, é a súa fermosura.

—Hai outra faceta súa, a de actor.

—Levo moitísimos anos metido no mundo do teatro, con O Aturuxo de Melpómene, somos todos da mesma fornada (risos).

—A a escritura literaria.

—No mundo da narrativa publiquei O pau de ferro, a historia de Brais, algo que lle debía ao medio e ao entorno onde nacín, o rural, e orgulloso estou del. É a historia dun neno que non ten demasiada sorte, aínda que ao final si... vai camiñando coa súa avoa, gustou moitísimo. E neste Nadal creo que a editorial vai sacar un segundo libro meu.