Os concellos conmemoran o Día de Rosalía de Castro con recitais, contacontos, teatro e caldo de gloria

LA VOZ FERROL

FERROL

Na biblioteca municipal de Narón farase unha lectura pública o sábado, día 24
Na biblioteca municipal de Narón farase unha lectura pública o sábado, día 24 CESAR TOIMIL

Algúns celebrano o venres e outros farano ao longo da fin de semana

22 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Varios concellos da comarca programan actos para conmemorar o Día de Rosalía de Castro. Narón organiza unha lectura pública da súa obra o 24 (11.00 horas), na biblioteca municipal, aberta a calquera persoa interesada. Tamén se lerá o Manifesto do Día de Rosalía. En Valdoviño haberá un contacontos teatralizado da compañía Trémola, titulado Historias soñadas e dirixido aos máis pequenos da casa, o día 25 (18.00 horas), no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre.

Ortigueira convidou este ano á hostalería a preparar, o día 23, o caldo de gloria, unha iniciativa impulsada pola Fundación Rosalía de Castro para fomentar esta receita inspirada no poema Miña casiña, meu lar. No CEIP José María Lage e no centro de Aspromor servirán este prato o venres, Día de Rosalía de Castro; e as cociñeiras de Entre Fogones acudirán á residencia de maiores para preparalo.

 

Cabanas conmemorará esta data coa representación da obra Novos lobos, de Fantoches Baj, o día 24 (11.30 horas), na Escola Laica. En San Sadurniño, o mesmo venres 23 haberá dúas sesións de contacontos para a rapazada de Infantil e Primaria, na biblioteca municipal, ás 11.00 e ás 12.00. Procúrase-Pepa A Loba é a obra elixida.

Cerdido conmemora o Día de Rosalía o 23, cun recital de poemas co alumnado do CEIP A Barqueira, na Casa da Cultura (11.30). En Mañón, tamén o venres, os escritores Carmen Penín, Obdulia Dopico e Hixinio Puentes intervirán nun faladoiro sobre a figura e a obra de Rosalía de Castro. Será ás 19.00 horas, na biblioteca de O Barqueiro. Os concellos animan á veciñanza a sumarse aos actos.