O hosteleiro da mítica Casa Ardá de Limodre, refuxio de músicos e artistas, finou o pasado luns
05 jul 2024 . Actualizado a las 13:08 h.Ás veces un non é totalmente consciente da valía dunha persoa e do moito que a aprecia ata que esta nos deixa. Esta é a miña sensación estes días a causa da triste noticia do falecemento de José Ardá o pasado luns, 1 de xullo. Canto brindou a toda a comarca, tanto no social (o seu xa lexendario local hostaleiro Casa Ardá foi moito máis que un bar) como no individual!
Pero comecemos polo primeiro. José foi o último dunha saga familiar dedicada ao comercio, bar e restauración. O seu negocio, Casa Ardá, xurdiu en Limodre a comezos do século pasado; ademais de bar e restaurante contaba tamén, no seu momento, cun cinema e unha sala de baile pola que chegaron a pasar artistas como Antonio Machín ou Antonio Molina, entre moitos outros (cantas persoas debemos a nosa existencia ao encontro e namoramento dos nosos pais ao abrigo deste fabuloso e entrañable salón).
José fíxose cargo do negocio a finais dos 90. Reciclouno como elegante cervexaría e local de concertos, cunha combinación perfecta de bandas consagradas e míticas mesmo a nivel internacional (The Pretty Things, Honeybus, The Rubinoos, etcétera) e novos grupos de música que comezaban a súa carreira (entre os que se inclúe un servidor); formacións ás que José sempre deu a oportunidade cun criterio excelente. Moitos destes concertos, por certo, amparados polo festival de música Felipop, co que tiña un gran vínculo, tanto no afectivo como no profesional.
Persoalmente, tiven a fortuna de coñecelo desde moi cativo debido á íntima amizade que o unía ao meu irmán maior. Véñenme agora á cabeza as súas eternas partidas de xadrez (chegou a estar entres os dez primeiros xogadores galegos nesta disciplina) no salón da nosa casa; así como velo chegar, xa na súa adolescencia, cargado de libros de Borges, Sábato ou Cortázar.
Entre as moitas mostras de agarimo que amosou cara a min ao longo da miña vida, e sempre desde a discreción, destaco as innumerables sesións fotográficas coas que me agasallou nos inicios da miña carreira musical. Era un gran fotógrafo, sen dúbida; e este é só un entre os moitos talentos que a súa personalidade inquieta e polifacética cultivou: enoloxía, astronomía, historia, pesca, ping pong, etc.
Destacar tamén outras calidades humanas ademais das xa mencionadas, que o caracterizaron e coas que nos deixa unha indeleble pegada: bonhomía, nobreza, valentía, paixón pola vida… Acórdome especialmente estes días da súa esposa, familiares e amigos. Oxalá reciba dalgún xeito, alá onde estea agora, esta humilde homenaxe pública que hoxe se me ofrece compartir aquí. DEP.
Roger Arias é músico.