Pepe Ferreirós, músico de Milladoiro: «É importante a aposta pola música folk, non perder o que tanto custou recuperar»

FERROL

O grupo actúa mañá sábado no teatro Jofre no día das Letras Galegas: «A resposta de Ferrol sempre é estupenda»
16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A laureada música folk do grupo Milladoiro será un dos actos centrais da celebración das Letras Galegas en Ferrol cunha esperada actuación mañá sábado no teatro Jofre (20.30 horas). «Volver nun día como o das Letras Galegas é marabilloso», agradece o músico Pepe Ferreirós.
—Que significa para vostedes actuar en Ferrol nas Letras Galegas?
—É moi especial. Ferrol é un lugar no que xa tocamos moitas veces e sempre cunha resposta estupenda do público. Ademais, este ano dedícase á tradición oral, algo ao que nós sempre lle demos moita importancia. De feito, fomos o primeiro grupo en incorporar pandeireteiras nunha gravación xa no 1986, cando iso era impensable.
—Neste concerto contarán coa participación de dous bailaríns, Eva Faraldo e Jesús Quiroga. Que achegan ao espectáculo?
—Dan outra dimensión. Xa nos acompañaron máis veces e sempre enriquecen moitísimo.
—Seguen cos actos de celebración polo 45 aniversario de Milladoiro. Como están a vivir este momento?
—Con moita ilusión. É moi complicado que un grupo numeroso se manteña unido e activo durante 46 anos, pero conseguimos tocar unha fibra sensible no público, e iso mantennos vivos. Hai unha conexión emocional que fai que todo siga.
—«A Galicia de Maeloc», o seu primeiro disco publicado en 1980, marcou un antes e un despois.
—Sen dúbida. Foi un disco que abriu camiños. Non sabiamos que ía pasar, se a xente o ía sentir como propio... Tiñamos ilusión, si, pero tamén incerteza. A resposta foi marabillosa. O primeiro concerto en Salesianos na Coruña foi o pistoletazo de saída.
—Milladoiro tocou en Nova York, Bos Aires, Tokio... Agardaban vostedes todo isto cando empezaron a súa aventura musical?
—Nunca o pensamos. Comezamos coa idea traballar coa música tradicional con honestidade e compromiso, poñendo todo da nosa parte para que a nosa herdanza cultural sexa un elemento diferencial.

—Teñen un premio Goya, unha Medalla de Ouro de Galicia… Hai algún momento que recorden con especial emoción?
—É de agradecer. O recordo mais especial é do primeiro recoñecemento, o Pedrón de Ouro. Levabamos catro ou cinco anos tocando e recibilo foi unha sorpresa enorme, porque nos chamaron da Fundación Pedrón de Ouro para dicir que nos consideraban merecedores. Aquel día quedei abraiado.
—Milladoiro é referente para bandas de neo-folk.
—Intento estar ao tanto do que se fai, hai moita variedade e riqueza de bandas novas dentro da música galega, cada unha buscando o seu espazo. Non todo me gusta igual, pero é bo que haxa movemento e evolución. Ademais, penso que é fundamental que as institucións, como os concellos e as consellerías de Cultura, aposten polos concertos de música folk e ofrezan espazos para estes proxectos, para non perder o que tanto custou recuperar.