As Pías, un milagre musical que rescata instrumentos de hai séculos na ría naval

FERROL

A formación actuará este xoves no Cantón de Cora en Mugardos
23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Séculos de historia saúdan aos instrumentos rescatados por As Pías, neste milagre musical que xa empeza a colleitar éxitos pola comarca e máis alá. Os seus compoñentes proceden de diversos mundos. Bernardo Máiz Bar é bombeiro e remeiro, Carlos A. Quirós é cineasta e hostaleiro. Pero xunto con Nélida Santiago Sánchez e César Santalla Prieto, os catro están unidos pola paixón musical. O seu proxecto Tradicorda, con base no Seixo mugardés, preséntase precisamente no Cantón de Cora (Mugardos) este xoves ás 22.00 horas.
O cuarteto aposta pola recuperación da corda e as frautas galegas na música tradicional que como eles din «leva acompañándonos séculos pero nun segundo plano». Estes músicos non usan percusión xa que o acompañamento rítmico tamén o fan cos instrumentos de corda. Bernardo toca o pito pastoril galego, a requinta galega, a gaita galega, o clarinete, a percusión tradicional e aporta a voz. Nélida encárgase do violino e a voz, César da guitarra galega e tamén a voz. Carlos toca a guitarra folk, o bouzuqui irlandés, a mandolina portuguesa e o pandeiro galego. E para este xoves terán a colaboración de Elisa Sardiña López desde Pontedeume, como violinista e cantante.
Diversión e recuperación
Cun nome máis ferrolterrán imposible, As Pías recalca que «interpretamos pezas tradicionais galegas arranxadas por nós mesmos con intrumentos tradicionais de corda e tamén de vento como a requinta, o pito e a gaita galegas». Teñen tamén pezas cantadas tradicionais do repertorio galego e portugués. «E as nosas influencias son os primeiros Cempés ou Os de Abaixo; o noso motivo é pasalo ben desfrutando e facendo desfrutar da música galega e en galego, tentando dignificala e situala na posición que lle corresponde como representante do noso pobo».
Aseguran que «a guitarra galega e os cordófonos en xeral son instrumentos denostados na música tradicional galega, sendo abondosas as referencias na historia do seu uso (retablos, esculturas, gravados, cantigas); e os nosos irmáns portugueses e irlandeses usan os instrumentos de corda na súa música tradicional».
E tamén contan que «o pito pastoril galego foi denostado na nosa música tradicional fronte a frautas foráneas, nós dende aquí aportamos tamén o noso gran de area para a súa recuperación».