Francisco Canosa, xeológo e director científico do Xeoparque do Cabo Ortegal: «Este é un lugar case único no mundo»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

FERROL

Canosa, nunha actividade nun centro educativo
Canosa, nunha actividade nun centro educativo SUSI BESTEIRO

Logo de máis dunha década impulsando o xeoparque, subliña que esta distinción se atopa ao mesmo nivel da de patrimonio da humanidade

01 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«A xeoloxía do Cabo Ortegal é case única, un verdadeiro paraíso para os apaixonados das Ciencias da Terra», escribía Francisco Canosa Martínez (Vilagarcía de Arousa, 1983) en maio de 2023, ao pouco de que a Unesco recoñecera o Xeoparque do Cabo Ortegal. Doutor en Xeoloxía, levaba unha década impulsando este proxecto, primeiro dende a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e logo apoiando aos concellos. E desde o 1 de outubro é o xeólogo e director científico do xeoparque que abarca os municipios de Valdoviño, onde reside, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Moeche, San Sadurniño e Cerdido.

—Cales son as súas funcións?

—Todo o que abrangue o ámbito científico ou divulgativo (folletos, comunicacións...). Toda a parte educativa, a relación do xeoparque cos centros de ensino (actividades, colaboracións, proxectos...). Tamén a investigación que se poda facer, a pequena escala, para un maior coñecemento científico do territorio. A colaboración con outros xeoparques, xa que, xunto co xerente [José Miguel Alonso Pumar], representamos o territorio nas reunións da rede europea e mundial de xeoparques. Para calquera visita ao territorio dunha entidade, o deseño do percorrido. E tamén facer de nexo entre o xeoparque e os integrantes do comité científico.

—Terá que aparcar as xeorrutas...

—Non vai ser posible compatibilizalo todo, si puntualmente algunha actividade. Haberá que crear unha canteira de guías que poidan seguir amosando ese patrimonio, auditados sempre desde o xeoparque para que non se perda a calidade nin os contidos.

—Axudaron moito a dar a coñecer a relevancia xeolóxica da zona.

—Eran a fórmula perfecta, que incluía un paseo na natureza, un coñecemento xeolóxico a nivel divulgativo e amosar lugares coñecidos e outras veces descoñecidos, que no seu conxunto creaban unha conexión. O que facía unha quería completar toda a oferta. É un produto turístico que moveu entre cincocentas e mil persoas cada ano, e sempre foi a máis. Cun perfil moi concreto: amante da natureza, concienciado coa conservación, con curiosidades xeolóxicas... Funcionou moito o boca a boca.

Para que todos acabemos de telo claro, que é un xeoparque?

É unha figura de recoñecemento a un lugar que ten unha xeoloxía moi singular, case única, e ese capricho da natureza vai permitir que ese territorio forme parte dunha rede e teña unha proxección internacional que lle dá maior valor á zona. Iso serve para que as persoas que viven aí e teñen algunha actividade, pequenas empresas, produtores... se vexan beneficiados desa marca. É un valor engadido. É unha distinción ao mesmo nivel ca de patrimonio da humanidade.

—Que é o máis urxente agora?

—A nosa prioridade é ter todo listo para a revalidación, o ano que vén, partindo do informe dos avaliadores de 2022, que indicaba que tiñamos que mellorar. E pasado iso, xa hai que marcarse uns obxectivos máis ambiciosos para os catro vindeiros anos.

—Que queda por facer?

—Persoal propio (unha das cousas que nos pedían) xa o temos. Queda a sinalización dos lugares máis interesantes desde o punto de vista científico e turístico, porque ao mellor non se ten unha visión de conxunto. Un inventario máis completo do que temos no territorio e ese plan a catro anos.

—Coñecemos toda a xeoloxía da zona ou aínda queda algo?

—A nivel persoal, coñezo bastante da xeoloxía de aquí, pero hai illas de descoñecemento, que agora, con esta dedicación exclusiva ao xeoparque, me vai permitir descubrir e coñecer mellor. Incluso as zonas xa coñecidas e estudadas requiren de máis estudo, co traballo de campo sabes que non hai dous días iguais. En nun territorio continental de case 700 quilómetros cadrados, sempre quedan cousas. Porque ademais é costa, e o mar modifica o litoral e pode deixar ao descuberto cousas que ata agora non se podían ver, é un terreo vivo.

—Cal é a maior singularidade?

Dos máis de 200 lugares da rede mundial de xeoparques, só media ducia teñen unha xeoloxía semellante á nosa. É como facer unha viaxe ao interior do planeta, porque podes ver e tocar unhas rochas que, en condicións normais, se atopan nas profundidades da Terra, nalgún caso a máis de cen quilómetros de profundidade. É un lugar case único no mundo, de aí a importancia.

—Hai críticas, algunha sobre o uso dos recursos. Como se pode implicar máis á sociedade local?

—Tanto o xerente coma min levamos pouco tempo e hai moitas cousas pendentes. Ao mellor hai que organizar xuntanzas abertas para explicar que se está facendo e a que se destinan os fondos, e mesmo que se propoñan ideas.

—Ve posible ampliar e incorporar ao concello de Mañón?

—O problema das ampliacións dos territorios dos xeoparques é que tes que xustificar por que non o incluíches no seu momento e agora si, que che aporta (ese concello) que non tiñas antes. A miña tese doutoral está feita en Mañón, coñézoo ben (e este ano organicei o xeolodía da provincia alí), e o problema é que non aportaría nada a esa viaxe ao interior do planeta (que é o eslogan do xeoparque). Faltaría ese fío condutor co territorio e custaría poder integralo [...]. Os límites tes que establecelos nalgún momento No seu día, eu empeñeime en que entrara As Somozas, e ao final dixeron que non, e agora sería moi difícil incluílo, aínda que ten máix vínculo xeolóxico co xeoparque, pero xa temos cousas que o cubrirían e non nos aportaría nada.