María Luz Lorenzo, premio Muller da Vila de Cedeira 2024: «Son feliz de ver que o baile segue... encántame ver a Xabier Díaz e a Guadi Galego, que bailou comigo»

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Mariluz de baile, como a coñecen todos, séntese orgullosa do recoñecemento da Asociación de Mulleres Vila de Cedeira
Mariluz de baile, como a coñecen todos, séntese orgullosa do recoñecemento da Asociación de Mulleres Vila de Cedeira CEDIDA

Dos 15 aos 44 foi mestra de baile galego, sen pretendelo, co único afán de aprender, e agradece a axuda de «tanta xente»

03 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Polas rúas de Cedeira, María Luz Lorenzo Rodríguez (Piñeiro, Cedeira, 59 anos) é Mariluz de baile, que o día 9 recibirá o premio Muller da Vila de Cedeira, que outorga a asociación homónima. Así a coñece todo o mundo, aínda que deixou as clases aos 44 anos, hai máis de 15. Esa foi a idade á que comezou a ensinar, sen pretendelo. A APA (como se chamaba daquela) do CEIP Nicolás del Río decidiu organizar clases de baile tradicional, no patio do centro. A mestra era unha rapaza de Ferrol, «María José do Muelle, tería 18 anos». Ata que un día, pasados tres meses, díxolle a Mariluz, que estaba no grupo das maiores, se podía cobrarlles aos nenos que aínda non pagaran, porque ela non ía volver.

«Deixoume a libreta cos nomes, e cando lle tocaba ensaiar ao meu grupo conteilles o que pasara e puxémonos a bailar», lembra. Así foi dúas fins de semana seguidas, ata que María José volveu buscar os cartos. Mariluz pensou que «era unha pena deixalo» e pediulle a chave ao director do colexio para ir ensaiar; e as nenas que miraban pola porta como bailaban as maiores acabaron entrando e movéndose ao son das pezas que poñían no casete. Mais logo lles retiraron a chave, e Mariluz convidounas a seguir na súa casa. «Primeiro ían catro, logo seis, e despois os pais buscaron un local, e fomos á Palleira, ao pé da igrexa de Cedeira, e despois ao convento», recorda. Alí ensinoulle Pupé, que tamén a animou a facer un grupo de teatro, e foi onde coñeceu a danza de aros, que se bailaba cos aros das nasas: «Eran duros e aos nenos facíanlles dano nas mans».

Recompilar bailes de cancións

«Teño que estar moi agradecida porque todo o mundo me axudou moitísimo. José Antonio de Breixo, gaiteiro, tocaba, e viñeron Carmiña, do grupo Terra Meiga, e Vera e Celsa, de Donas a Galáns, ensinarnos», subliña. Logo empezou a ir polas casas da zona (chegou ata Xermade), para recompilar bailes e cancións. Tamén recollía roupa e teas, que ás veces aproveitaban as nais para facer traxes de baile. Non tocaba a gaita nin a pandeireta, mais quixo aprender a facer soar as cunchas e díxollo «ao señor Caruncho, que ía con todas as bandas».

Daquela, unhas nenas tiñan traxe e outras non. Mariluz non cobraba nada polas clases, ata que unha nai impulsou a creación dun grupo, que naceu sen máis nome que Municipal e acabou bautizado como Estrelas da Noite, aínda que sempre foi Estelas da Noite porque alguén esqueceu bordar a r. «Eu aprendín porque buscaba con quen aprender», reitera. «Quedei cos pequenos de Estelas, e trouxeron de profesor a Xavier Espasandín... eu non lle chegaba á sola dos zapatos, estaba encantada de que o grupo medrara», di. Ata que decidiu seguir outro camiño, ao marxe de Estelas, e alugou o polideportivo municipal.

«Comigo viñeron uns cantos nenos, e aí foi cando se fundou Buxainas [en Cedeira], e en Cerdido formouse Airiños dos Carrís (no 1987). Chamoume o director do colexio, José Santalla, para crear un grupo de baile, e Vicente Bermúdez foi de profesor de gaita. Tivo moito que ver doña Lucita, a muller do director», conta. Alí deu clases Xabier Díaz, que hoxe toca coas Adufeiras do Salitre, «excelente persoa e profesional», con quen mantén relación, igual que co resto de persoas que a apoiaron, mesmo músicos ca familias, aos que tan agradecida lles está.

O grupo de Mariluz foi bailar por todo o municipio de Cedeira, convidado polas comisións de festas, e tamén nas procesións da Patroa. «Empezamos cinco ou seis e chegamos a ser máis de 150. Había moitísimos, case todas nenas, os nenos ían ao fútbol, e elas ao baile. En Cedeira sempre houbo moita afección á música», destaca. A súa pretensión sempre foi «que isto non acabara». «Cando marchou María José, eu facía o que fixera falta por seguir co baile», subliña.

Na súa casa non lles gustaba que bailara: «Meu avó paterno fora moi bailarín e miñas tías sabían todas as pezas e ensináronmas, igual que os veciños de Piñeiro». Ela ía gravando polas casas aquelas cantigas e chegou a alugar unha cámara de vídeo —«valíame cinco mil pesetas»— para documentar os pasos e as coreografías que lle amosaban.

Explica que coa paixón polo baile que se foi espertando na vila medrou o comercio, «porque se fixeron traxes [confeccionábanos as nais nas casas], e había venda de teas e de abalorios». Houbo un momento no que os alumnos de Párvulos e 1.º e 2.º de EXB, en lugar de ximnasia, tiñan clases de baile obrigatorias, e alí estaba Mariluz. Lembra o primeiro baile que recolleu, «unha muiñeira, Eu quero bailar», dunha señora maior de Piñeiro. Ela ousou subir ao palco cantala para que a vira e lle dera a súa opinión: «Cando baixei púxome de volta e media, porque a interpretara moi lenta [risas]».

«Mira que ben bailan!»

Séntese moi contenta co recoñecemento de Mulleres da Vila de Cedeira e recalca que moitas delas levaron aos seus fillos ás clases de baile e colaboraron: «Se non había bus iamos en coches particulares». Tamén organizaba excursións cos nenos, que sufragaban cos cartos que lles botaban no cesto durante as actuacións. «Son moi feliz con todo isto, de ver que [o baile tradicional] segue, que os nenos tocan a gaita... Síntome orgullosa, mira que ben bailan! Encántame ver a Xabier Díaz e a Guadi Galego, que veu a baile comigo [...]. Houbo momentos mellores e peores, pero sempre me sentín valorada».