
O colectivo destinará os fondos ao arranxo e construción de pontellas, o mantemento de muíños e da senda peonil, ou a recuperación do bosque de ribeira
20 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Amigos dos Ríos de Cedeira (Arce), o colectivo creado hai oito anos, recibirá dúas subvencións da Deputación da Coruña, incluídas no programa destinado a entidades sen fins de lucro e actividades no ámbito do medio ambiente.
Unha das achegas é de 9.268 euros e vai destinada á compra de fincas nos aledaños do río Condomiñas e o arranxo e construción de pontellas e o mantemento de muíños.
E a outra está dotada de 3.615 euros e destinarase ao mantemento da senda peonil desta canle fluvial e a recuperación do bosque de ribeira. O investimento total que terá que facer Arce para executar todas estas actuacións supera os 16.100 euros.
Arce leva oito anos traballando a reo, todo a través de voluntariado, na limpeza do río Condomiñas, da man de Camilo Casal, que era conselleiro de Medio Ambiente cando se creou a entidade e leva anos liderándoa.