Amigos dos Ríos de Cedeira divulgan os tesouros que agacha o Condomiñas

A. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

O alumnado de 6.º do CEIP Nicolás do Río visitou o muíño restaurado
O alumnado de 6.º do CEIP Nicolás do Río visitou o muíño restaurado CEDIDA

O colectivo, que leva oito anos traballando, levou ao alumnado de 6.º do CEIP Nicolás del Río ata o muíño municipal que se está restaurando

14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) leva oito anos traballando arreo pola recuperación do río Condomiñas e dos tesouros que agacha. Hai un mes, guiaron ao alumnado de 6.º de Primaria do CEIP Nicolás do Río ata Espiñeredo, no curso medio desta canle fluvial, «a zona menos coñecida».

Os rapaces visitaron o único en pé dos oito muíños que houbo algún día, que é de propiedade municipal e está sendo restaurado. Faláronlles «da importancia dos muíños ata non hai máis de 50 ou 60 anos, da moenda de trigo e millo para a elaboración do pan nos fornos caseiros, e do seu papel como lugares de reunión e de troula», explica o presidente de ARCE, Camilo Casal.

Tamén viron o terreo que o rodea, de case dous mil metros cadrados, onde eliminaron os eucaliptos para plantar frondosas e convertelo «nunha zona de lecer». Despois foron a Chímparra, onde subsisten os restos doutro muíño e onde desemboca o principal afluente do río, que nace na Serra da Capelada.

As tres biólogas que os acompañaron na ruta, as tres exprofesoras de instituto, faláronlles da flora e de aspectos básicos da xeoloxía da zona.