Participaron 25 establecementos con desfiles e concertos, para «defender as tendas e locais hostaleiros fronte aos polígonos e grandes superficies»
08 jun 2024 . Actualizado a las 21:03 h.De moda sempre estivo Fene, un concello vangardista e montado en aceiro ao mesmo tempo que os seus barcos. E por iso segue mirando cara adiante, como o seu comercio que este sábado organizaba a súa Fashion Night. Como indicaba Ana Basoa, presidenta da Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro, «quixemos concienciar á poboación sobre a importancia de ter un comercio e unha hostalería locais, sen ter que desprazarse fóra do centro urbano».
Polas rúas houbo desfiles e concertos, xa á tardiña, respetando ese espíritu vespertino destas Fashion Nights. Organizaba O Cruceiro, en colaboración coa área de Promoción Económica e Turismo do Concello de Fene. E participaron 25 establecementos: desde zapaterías a complementos, roupa, pastelerías, cafeterías, bares, ópticas, salóns de beleza, vendas de cosméticos, xogos e comics.
Recalca Ana Basoa que «ter un espazo urbano como este para facer compras é un privilexio, non é positivo ter que desprazarse a polígonos ou centros comerciais para facer as compras... porque os desprazamentos provocan que non teñas un núcleo urbano onde concentrar as tendas». Os comerciantes de Fene consideran así que hai que manter a esencia desta poboación.
Os establecementos abriron cun horario especial de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 23.00 horas. Houbo desfiles de moda, concertos e exhibicións de baile. e grupos de tambores e gaitas amenizaron as rúas. Ademais, a maioría das modelos eran de Fene «pero tamén viñeron doutras zonas interesadas en axudar ao comercio fenés».
No evento ofrecéronse importantes descontos e o sorteo dunha viaxe. Actuaron Los Alcántara, La Indirigible e Superglú, ademais do pase das Treboeiras de Canido e diversas exhibicións de baile a cargo das academias May Dance e Fusion Dance para gozo dos clientes.