
A contía de 400 euros beneficiará ás persoas nadas no 2007
22 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado luns 21 a libraría Cantón 4 acollía a presentación da cuarta edición do Bono Cultural Joven. Coma vén ocorrendo nas convocatorias pasadas, a contía de 400 euros beneficiará aquelas persoas nadas no 2007, que en Ferrol suman un total de 630 mozos e mozas. O investimento do Goberno para a cidade naval abrangue 252.000 euros, que, tal e como insistía María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, «non son fondos que se a esgoten, senón que están completamente presupostados». Dentro da provincia da Coruña, máis de 100 establecementos culturais están adheridos a esta iniciativa.
Segundo Rivas, o Bono está enfocado no gasto en cultura «no sentido máis amplo», e non se poderá gastar o total da bolsa nun mesmo produto. En concreto, os 400 euros distribuiranse en 200 euros para artes escénicas (teatro, ópera, cine, danza, museos...), outros 100 euros para cultura en soporte físico (libros, prensa ou discos) e os 100 euros restantes poderanse gastar no ámbito dixital (subscricións a plataformas, prensa dixital, podcast ou videoxogos en liña). O prazo de solicitude xa está aberto e vencerá o vindeiro 31 de outubro. Efectuarase a través da páxina web www.bonoculturajoven.gob.es, co emprego dun medio de identificación dixital, ben sexa o DNI electrónico con lector ou ben a Cl@ve PIN. Neste sitio web tamén se poderá comprobar que negocios están adheridos ao Bono Cultural.
Unha vez solicitado, deberase facer uso do Bono no prazo dun ano, e, como comentaba a subdelegada do Goberno, «agora mesmo estamos solapando varias convocatorias», xa que algúns mozos que solicitaron o Bono o ano pasado aínda poden utilizalo.
De acordo con Rivas, o Bono supón para a mocidade «unha oportunidade única para coñecer e gozar da cultura dun xeito máis libre, sen barreiras económicas», é dicir, unha forma de acceder a certas formas de cultura ás que a xuventude non se achegaría (ou non tería a posibilidade de facelo) se non fose por este bono, que contribúe á igualdade de oportunidades e motiva aos máis novos a participar na vida cultural.
Participación
Así, a subdelegada fixo un chamamento para a involucración tanto da mocidade coma da industria cultural nesta iniciativa, e agradeceu a súa participación a Cantón 4, que cualificou coma «unha libraría senlleira da cidade».
Pola súa banda, desde este negocio contan que, na súa experiencia, «os rapaces si fan uso deste Bono Cultural», e que adquiren todo tipo de literatura, desde clásicos ata fantasía, pasando pola novela romántica.