A Feira do Cabalo de Moeche repartirá 4.400 euros en premios, entre eles á manada de cabalos máis numerosa

I. F. MOECHE / LA VOZ

MOECHE

ESTEVO BARROS

Hai 236 inscritos nas diversas probas e o colectivo organizador quere ir recuperando outras tradicións vinculadas ao evento

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As competicións constitúen o maior reclamo da Feira do Cabalo do 23 de Abril en Moeche. Este ano, a nova directiva da Asociación Ecuestre 23 de Abril, que organiza o evento, recuperou o premio á manada de cabalos máis numerosa. O propietario recibirá 300 euros e un trofeo. En total, son 4.400 euros os que repartirán entre os mellores das distintas competicións. Haberá probas de andadura chapeada (para exemplares de máis e de menos de 1,5 metros) e de andadura serrada, tamén para as dúas medidas.

En cada unha destas catro categorías entregaranse cinco galardóns, dotados con 300, 250, 200, 125 e 75 euros. No certame de estampa e beleza distinguirase á mellor egua e ao mellor cabalo da feira, cun premio de 150 euros máis trofeo en cada caso. No apartado de andadura sub 18, sen dotación económica, os cinco primeiros clasificados recibirán un trofeo, segundo figura no cartel anunciador desta edición da feira.

Vese, ademais, o deseño feito pola ilustradora ferrolá Blanca Vila para as camisetas da asociación, no que se recrean «as primeiras feiras, que se facían arredor do castelo, patrón de San Xurxo [...], e o tipo de paso do cabalo corresponde á andadura galega», explica Noelia Castro, nova presidenta do colectivo. Na imaxe destaca a presenza da fortaleza e máis o cabalo.

Este ano, entre as competicións suprimiuse o trote, aínda que Castro subliña que «a intención é mantelo». Incide na importancia de «respectar as tradicións da feira» e nesa liña adianta que lle gustaría recuperar as carreiras de carro (de dúas ou catro rodas). No caso do premio á manada de cabalos máis numerosa, remarca que o propósito é «fomentar a compra e venda de gando, porque é unha actividade importante nesta zona».

Requisitos para competir

O colectivo organizador informou ao Concello do número de inscritos nas distintas probas e son 236. Desde a asociación recordan os requisitos esixidos. Todos os cabalos deberán presentarse no recinto feiral antes das 7.30 horas do martes (as medicións faranse ata as 10.00), e é obrigatorio amosar o recibo do seguro en vigor, igual que uso do casco regulamentario.

Inciden noutros tres aspectos: a organización non se fai responsable dos danos ocasionados a terceiros polo manexo dos animais; a decisión do xurado é inapelable e está prohibido o maltrato animal, «sendo motivo de descualificación». En Moeche e en toda a comarca esperan con ansia a chegada do 23 de abril, unha data sinalada nos calendarios de milleiros de persoas, de todas as idades. Comerciantes e hostaleiros de Moeche tamén se preparan para vivir unha das xornadas de máis movemento do ano, pola afluencia continua de xente desde primeira hora da mañá.