O Festival Irmandiño xa ten 45 anos: «Nove lustros, nove logros»

A. C. MOECHE / LA VOZ

MOECHE

JOSÉ PARDO

A festa comeza esta venres, coa repichoca popular, e o sábado será o asalto e comezarán os concertos

16 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres • 22.00 horas • Repichoca popular • Hoxe bota a andar o Irmandiño de Moeche, que cumpre nada menos que 45 anos, coa repichoca popular (22.00 horas, no campo do festival). O sábado abrirá o castelo á unha da tarde para visitas guiadas gratuítas (coa exposición sobre o toelo) e haberá sesión vermú (13.30), xogos infantís e o asalto dos pequenos á fortaleza (15.30), competición de xogos tradicionais ao pé do campo (18.00) e música con Nimbos (21.30) e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (23.00). Logo virá o pregón de Mini Rivas (00.30), o asalto e a recreación da queima da fachada do castelo.

 

A Banda das Crechas tocará ás 01.15 e Loita Amada, ás 02.45. O remate será o domingo, con sesión vermú xunto ao castelo (13.30), comida campestre (8 euros por persoa, 15.00) e máis música. Faíscas da Pontraga actuará ás 16.30 e No Cómbaro, ás 17.30, a pleno sol. A Asociación Cultural Irmandiños de Moeche organiza o festival, no que colaboran o Concello (cunha achega económica de 6.000 euros e apoio loxístico) e a Deputación, entre outros.

Os responsables do evento subliñan que nestes nove lustros de historia se acadaron nove logros, que enumeran: a reivindicación histórica do papel da primeira revolta irmandiña do século XV, a actividade cultural en Moeche e a promoción da música galega, a restauración do castelo, un elemento de cohesión social, o feito de converter o castelo en foco turístico e centro de interpretación das revoltas, o fomento do teatro, o musical que recrea a revolución irmandiña, o cómic Os lobos de Moeche e o seu papel como sinal de identidade.

Silvia Calvo é a autora do cartel deste ano, no que se recollen os nomes das máis de cen bandas que pasaron polo Festival Irmandiño de Moeche nestes 45 anos.