Marián Ferreiro: «O diálogo é a clave da estabilidade política que ten o Concello de Narón»

ANTÍA URGORRI / CHEMA CORRAL NARÓN / LA VOZ

NARÓN

José Pardo

Mantén a esperanza de que o sector industrial despegue de novo e prioriza a construción do centro de saúde

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeira alcaldesa do municipio, nai de dous fillos e boa coñecedora do que acontece de portas adentro do consistorio local, ao que leva vencellada máis de dez anos. Marián Ferreiro (San Xiao, 1977) cumpre cen días á fronte do Concello, trala saída de José Manuel Blanco, e ten claro o Narón que quere crear: «Unha cidade cómoda para vivir».

-Destaque os tres principais logros destes cen días.

-Nestes cen días deuse continuidade ao proxecto que Terra Galega (Tega) xa viña desenvolvendo co anterior alcalde. Un logro moi importante é, sen dúbida, o avance nas xestións do novo centro de saúde; tamén se inaugurou a cuncha acústica do Pazo da Cultura. Ademais cremos que, no tema do saneamento da ría, vai haber un acordo neste convenio a tres partes, está máis preto que nunca...

-E os obxectivos que quedan por diante...

-Queremos facer unha cidade cómoda para vivir, que unha persoa estea contenta de residir aquí. Temos 53 parques, e queremos seguir sumando máis, para que os nenos teñan lugares para o lecer preto da casa; sumar zonas verdes no rural; unha pista multideporte para Xuvia, xa fixemos dúas... Tamén estamos concretando a ampliación do proxecto de Camiños Escolares Seguros, que busca que os nenos vaian camiñando ao colexio. É fundamental investir en formación. Triplicamos o orzamento con respecto aos últimos dous anos, para poñer o noso grao de area no emprego, a pesar de que non temos competencias. Queremos solicitarlle á Xunta que o instituto de formación profesional que temos, o Terra de Trasancos, amplíe os seus cursos e teñan máis empregabilidade na nosa comarca. E non quero esquecerme doutro obxectivo moi importante, que é facer unha cidade accesible, e con aforro enerxético. Porque isto ademais de mellorar o medio ambiente, repercute nas arcas municipais cun aforro de 200.000 euros ao ano.

-Nestes tres meses tivo que lidiar co saneamento, coas protestas pola obra da praza de Xuvia...

-No caso da obra de Xuvia, era moi necesaria, porque a praza ten ao redor de corenta anos ou máis, o firme estaba deteriorado, o mobiliario obsoleto... Realmente hai queixas, pero por un sector. Onte [polo mércores] tivemos a reunión coa asociación de veciños e nos manifestaron que están conformes. Si é certo que fomos falando con eles, e adaptando distintas cousas ao que eles nos ían dicindo, porque os veciños son, sen dúbida, os que mellor coñecen as necesidades da zona. No tema do saneamento, entendiamos que tiña que haber un convenio a tres bandas. A ver se pechamos un día destes o acordo con Ferrol, para trasladarllo a Augas de Galicia. E esperemos que o refrenden.

-¿En que cre que se notou a súa chegada á alcaldía?

-Cunha marxe de tempo tan curta, non sei se daría tempo a que se notase algo. O que si, aposto polo diálogo, e con esa premisa pódese chegar a acordos.

-Tega ten gobernado con diferentes partidos políticos nos últimos anos e sempre logrou a estabilidade política. ¿Cal é o segredo?

-Penso, no caso do tripartito que temos agora, que os partidos antepoñemos o beneficio dos veciños ás nosas diferenzas políticas. O diálogo é a clave.

-¿Cal foi o tema que máis tensión xerou neste tripartito?

-Quizais no saneamento é onde temos algo máis de diferenzas, pero repito que sempre chegamos a acordos.

-Hai anos houbo intentos para compartir servizos con Ferrol, pero parece que se avanzou moi pouco neste terreo.

-Hai asuntos que si facemos en conxunto, como a solicitude dos fondos europeos Edusi, entre os poucos de España que se pediron entre dous concellos. Nese sentido, creo que as relacións son boas. Tratamos de sacar cousas en común como o tema do lixo, que, se non é mancomunado, cando menos pode ser compartido por dous concellos.

-O sector industrial sempre foi importante en Narón, pero parece que o crecemento neste ámbito está estancado. ¿Hai visos de recuperación?

-Temos a esperanza de que si. Casualmente hai unha empresa interesada. Sabemos que non é un número significativo, pero pensamos que pode ser o principio da saída da crise. Estamos intentando facer o polígono de Río do Pozo máis atractivo, mellorando o mantemento e os seus servizos... E darlle publicidade noutras zonas do país.

-Vostede é de San Xiao, ¿que cree que lle falta á zona rural?

-No caso concreto de San Xiao, o arranxo da estrada é unha demanda histórica á Deputación, xa que é unha vía moi perigosa. En xeral, estamos traballando para equiparar os servizos entre a zona urbana e a rural aínda que somos conscientes de que segue habendo diferenzas.

-Narón superou a barreira dos 40.000 habitantes, ¿o ritmo de crecemento é agora máis lento?

-A crise tamén afectou a Narón e hai moita xente que se tivo que marchar a outras localidades de Galicia ou de España, e incluso do estranxeiro, e nós non somos alleos á esa realidade.

-Baixou o IBI pero subiu o recibo de Cosma, ¿pagan hoxe os naroneses máis impostos que hai un ano?

-Non é así realmente. Si que baixamos o IBI, que pasamos do 0,65 ao 0,62. No recibo do 2018 vaise notar, pero a auga non subiu. A taxa da auga está conxelada dende 2014. O que se cobra é, por dicilo así, unha cota a maiores polas infraestruturas de saneamento e depuración.