
A cita de Narón está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia
31 jul 2025 . Actualizado a las 00:41 h.Declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, o Oenach Atlántico celebrarase esta fin de semana en Sedes (Narón) organizada pola asociación veciñal Rosa dos Ventos co Concello.
A cita aposta por rememorar a vida comunitaria nos castros cun variado programa de actividades pensadas para persoas de todas as idades, segundo a alcaldesa Marián Ferreiro.
De venres a domingo haberá unha feira e mercadiño de artesanía, acendido de lumes, concertos, xogos populares, a célebre Noite do Castro do sábado, actividades infantís ou unha mostra de can de palleiro.
Ademais este ano conmemora o seu 25 aniversario. E conta coa colaboración de Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, 75 Aniversario Castelao e Abanca. As citas inícianse o venres ás 18.00 horas coa apertura da Feira de Artesanía e Mercadiño Artesán. Ás 21.30 horas é o acto de inauguración co Acendido de Lumes. E ás 22.00 celébrase a Noite de Música Galiciana, con Xurxo Fernandes e o seu disco Levaino.
Xa o sábado pode considerarse o día grande coa seguinte programación. Ás 11.00 horas ábrese a Feira de Artesanía e Mercadiño Artesán. Desde esa hora e ata as 14.00, está o Castro Miúdo con actividades lúdicas para pequenos e maiores. Ás 13.00 está a animación da Charanga Alxibeira, e ás 14.00 o espazo gastronómico cos postos de comidas con diferentes menús.
Pola tarde, de 16.00 a 20.00, son os xogos populares no espazo lúdico. Ás 18.00 hai un concerto familiar de Paco Nogueiras con Son Animal. Ás 19.00 horas hai unha parada etnográfica de música tradicional coa Banda de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón. E ás 22.30 celébrase a Noite do Castro coa recreación parateatral a cargo dos veciños de Sedes de A viaxe de Martiño.
O domingo ábrese a Feira de Artesanía e Mercadiño Artesán, de 11.00 a 14.00 o Castro Miúdo, e ás 11.00 a Mostra de Razas Autóctonas co can de palleiro. Ás 12.30 está a recreación teatral na campa castrexa a cargo dos veciños con Lendas Castrexas. Toca vermú ás 13.00 con concerto de Boj e o seu disco Hora Zulú. Ás 14.00 é a comida, ás 16.00 os xogos populares e ás 18.00 o teatro familiar con Ghazafelhos e Historias para escagarriñarse. A festa chega ao seu fin a partir das 19.00 horas do domingo 3 de agosto coa recreación na campa castrexa do acto de clausura deste Oenach Atlántico. E ás 20.00 ten lugar o concerto de clausura con Tres Pesos.