Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pontedeume rende homenaxe a Valeriano Villanueva, «un labrador a la moderna»

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

Valeriano Villanueva, en el centro de pie, junto a su familia
Valeriano Villanueva, en el centro de pie, junto a su familia CEDIDA

O Ateneo Fernán Martís e o Museo do Pobo Galego lembran, este venres, esta figura do agrarismo, nada en 1865, que pertenceu ao Seminario de Estudos Galegos

23 feb 2024 . Actualizado a las 16:21 h.

Un labrador a la moderna era o pseudónimo que empregaba Valeriano Villanueva Rodríguez (Pontedeume, 1965-Santiago, 1943) nos artigos de divulgación sobre o agro que publicou en varios xornais. Estudou Leis en Santiago e ingresou no corpo xurídico militar, pero sempre amosou especial interese sobre o mundo agrario e pertenceu ao Seminario de Estudos Galegos, que vén de cumprir cen anos. O Ateneo Fernán Martís e o Museo do Pobo Galego organizan un acto para honrar e dar a coñecer a este eumés destacado «na innovación agraria e no agrarismo», este venres, ás oito da tarde, na Casa da Cultura de Pontedeume.

Intervirán Miguel Cabo Villaverde, profesor de Historia Contemporánea da USC, e Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da mesma disciplina tamén na USC, que define ao homenaxeado como «un fenómeno propio da súa época, un moderno cando había que ser moderno, cronista agrario de La Voz de Galicia durante polo menos vinte anos». Este ribadense explica que «era unha época na que a agricultura era tan importante e tan recoñecida... porque daba de comer (daquela si) e porque ademais era a xeración fundamental de riqueza. Galicia vivía de exportar gando polo porto da Coruña, e despois por ferrocarril. Era como Chicago, con vacas por todas partes, e iso significaba riqueza».

De aí que Villanueva comezara a escribir no boletín da Granxa Agrícola de Experimentación da Coruña (que precedeu ao actual Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), creada no 1885. O boletín xurdiu a comezos do século XX, e alí apareceu por primeira vez a súa firma Un labrador a la moderna. «O interesante del —subliña Fernández Prieto— é que foi tan listo para darse conta de que de quen tiña que aprender era dos agricultores, porque había moitos inventos, novidades, cambios, novas razas de animais...».

Naquel tempo editouse a revista Prácticas modernas, dedicada á agricultura, e falábase «do agrarismo dos peritos mercantís coruñeses». Daquela, remarca o profesor, «todo o que non tiña que ver coa emigración tiña que ver co agro; e os que votaban eran os paisanos e os seus votos tiñan que ver coas sociedades agrarias que había por toda Galicia, organizadas por parroquias. Eran o poder social, económico e político».

Sinala que Villanueva «era unha persoa moi instruída e moi culta, de boa familia, e tiña unha horta en Pontedeume, na que experimentaba con novas sementes e facía ensaios de agricultura moderna. Descubría que o seu millo non medraba e o dos paisanos si [...], ata que entendeu que para impulsar as cousas modernas habíao que facer cos agricultores [...]. Era un gran animador intelectual, tanto do agrarismo como da modernidade agraria».

No 1984 publicouse a súa última obra, que escribira na Segunda Guerra Mundial: Organización del cultivo y de la sociedad agraria en Galicia y en la España Atlántica. «Un tratado de como debe organizarse a agricultura e a economía agraria, de cando isto era cousa dos agricultores. Trala guerra todo cambiou, aquí a peor pola ditadura, e os únicos que sabían eran os técnicos, e non se lles ocorría facer concentracións parcelarias, aínda que entendían que había un problema de propiedade, pero esa lóxica da industrialización da agricultura na que estamos hoxe non lles cabía na cabeza», di.

«Por iso (Villanueva) é tan interesante hoxe, porque fala dun diálogo entre técnicos, agricultores e elites no marco dunha agricultura orgánica, que aínda non era contaminante, porque non usaba petróleo, nin plásticos, nin fitosanitarios, e que foi capaz de desenvolverse moito. Iso é o que máis lle interesa a el [...]. Nese sentido sérvenos de referencia para construír futuros diferentes; o pasado non vai volver pero podemos aprender del», afonda. Fala «dunha especie de rexeneracionismo agrario da época».