





Queda a sesión vespertina, de local en local, o concurso de agarrados, os concertos e moita ruleta
24 may 2025 . Actualizado a las 18:19 h.Pontedeume leva dous días sen parar de bailar. Os cantos de taberna que organiza o colectivo Airiños do Eume enchen de música a vila. O ambiente festivo vívese desde esta mañá, cando abriu o mercado de artesanía e alimentación na Alameda de Raxoi. Non tardou en comezar o primeiro pase dos grupos, con gaitas, pandeiretas e acordeóns, gañas de gozar e de que goce o público.
Así, de taberna en taberna, polas rúas do casco histórico, ata a hora do xantar, un encontro de todos os participantes na Alameda de Raxoi. Foi o momento da fotografía de todos os participantes, que xa é unha tradición neste encontro. Ás sete da tarde empeza o segundo pase dos cantos de taberna, polos locais da vila. A xornada rematará co concurso de agarrados, a partir das dez e media, e o concerto de Faíscas da Pontraga e Zurrumalla.
Airiños do Xunco ofrece, ademais, unha ruleta, toto o día, no seu posto da Alameda de Raxoi. Alí pódense mercar as súas tazas, camisetas, chapas ou coleteiros. Cada euro gastado dá dereito a unha tirada na ruleta, con opción de premio directo. Hai 300 agasallos esperando, doados por uns corenta comercios e negocios hostaleiros da localidade eumesa. Os organizadores desta xornada de festa agradecen a colaboración dos establecementos.