Xenerais estradenses

Olimpio Arca Caldas

FIRMAS

05 feb 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Baixa de vagariño o Ulla camiño do mar de Arousa. Escorre triste, mesto de porcallada, orfo de fauna no seu seo. Vai na procura de vida nas lampreas de Herbón, nas ameixas de Carril. Esmorece o solsticio de inverno. Nas pólas dos ameneiros rechouchíos ledos de paxariños en parella. O equinoccio de primavera chama á porta da natureza. A xente nova das freguesías estradenses do seu val do Ulla non ten acougo neste febreiro frío. Anda na procura de atopar cabalos prestados, de probar harmonía nos recitais, de memorizar respostas axeitadas, de airear críticas con enxeño. Non coñecen os escritos de Alfredo Vicente encol dun encontro dos xenerais de Oca contra un exército de Arnois. Esta batalla quédalles lonxe. Non importa.

Nas camposas da ribeira do val florecen as boliñas marelas, lenes das mimosas. Na atmosfera, arrecendo de suave fragrancia. Na xuventude parroquial comeza o gurgullo dos xenes herdados a través dos tempos; xorden, pois: OS XENERAIS DO ULLA.

As xentes das parroquias esquecen pequenas liortas veciñais e aportan os medios e coñecementos para un meirande lucimento. É a repetición da historia. Está en disputa a honra da freguesía. Como naquel lonxevo 1875, naquela congostra de San Estevo de Oca, como no ano 1924, na ponte de Sarandón, a confrontación bélica entre as parroquias de Santa María de Ribeira e San Miguel de Sarandón.

Resultan estas tradicións unha festiva análise dun gozo histórico, un necesario recordo da nosa identidade como pobo e un vistoso evento propio. Seremos fieis a nós mesmos; demostraremos a nosa fidalguía se fuximos nos atranques de frases procaces e insultos soaxes e innecesarios.

E remataremos cos desexos dun bo Xeneral: ¡¡VIVA TODA A XENTE QUE NOS LÉ, MIRA E ARRODEA!! ¡¡VIVA!!