Manuel Macía, apicultor quirogués: «Creo que nacín nunha colmea»

ilenia pombar MONFORTE

FIRMAS

ALBERTO LÓPEZ

11 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Macía apicultor quirogués

Manuel Macía González é un dos apilcultores de Quiroga que non se perde por nada do mundo a Mostra do Mel da localidade. Di ser un amante deste sector. De feito, dende moi pequeno xa vivía entre colmeas. Actualmente rexenta a empresa de mel ecolóxico Mielrural.

-¿Foi a todas as edicións a feira do mel?

-Si, claro. Fun eu o que tiven a idea de facela hai vinte anos. A primeira vez que se fixo xa vendimos sobre mil quilos de mel.

-¿Dende cando se dedica á apicultura?

-Dende moi pequeno. Sempre me gustaron as abellas e con sete anos o meu pai xa me regalou colmeas. Creo que nacín nunha porque se non, non mo explico. De todas formas, nacín en Vilarmiel asíque debeu de ter algo que ver. Ao longo dos anos funme especializando e formándome neste ámbito e agora podo dicir que son un experto.

-¿Para vostede é unha afección ou un oficio?

-Un oficio, é o que me dá de comer pero a verdade é que teño sorte porque gústame moito. Pero a maiores tamén hai que ter uns conocimientos na materia porque non é sinxelo.

-Ata incluso un pouco perigoso por as abellas ¿non? ¿Cantas colmeas ten?

-Teño sobre mil pero xa estou acostumado a que me piquen. Non son alérxico, así que non hai problema. Se o fose, xa non me podería dedicar a isto.

-¿Afecta a crise neste sector?

-A min particularmente non. Nos produtos de calidade non. O meu mel, por exemplo, é de castiñeiro e brezos e está considerado como de primeira categoría e os produtos ecolóxicos deste estilo demándanse igual. Pero estou falando de produtos naturais, hai que partir do bo. Eu por exemplo no 2007 obtiven o premio ao mellor produtor ecolóxico por parte do consello regulador.

-¿Cantos tipos de mel hai?

-Moitos. En Quiroga por exemplo predomina o de castiñeiro e o de brezos pero no resto de Galicia hai de eucalipto, érbedo, silva...

-¿Cal lle gusta máis?

-As dúas. Non sabería dicir. O de castiñeiro é máis doce que o de brezo, así que supoño que será cuestión de gustos.

-Supoño que vostede será como as avoas que recomendan o mel para todo...

-Si, menos para os diabéticos, que non o poden tomar. Pero a verdade é que o mel é bo para todo e o pole tamén, xa que ten moitas propiedades.

-¿Con que o toma?

-Eu tómoo pouco porque son diabético pero aínda así lle boto unha pizca ao café en lugar de azucre. Ademáis tomo todos os días unha culler de pole porque ten moitas vitaminas e teño que recuperar forzas para seguir traballando.

-¿Traballa só?

-Antes tiña un axudante e agora conto coa miña muller e proximamente coa miña filla.

-Diga unha razón pola que é importante a mostra.

-Hai produtos da zona de calidade. Por exemplo o mel véndese a seis euros o quilo e é unha boa oportunidade para que a xente adquira produtos ecolóxicos a bo prezo. Ademais tamén se ofrecen licores e pole. Na feira os turistas compran moito este tipo de artigos porque nos supermercados non os hai. Os que se encontran nas tendas son máis convencionais.