«A ponte cultural de Cantos na Maré hai que mantela e gozala»

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

O artista está considerado embaixador da timbila

12 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O músico mozambiqueño Cheny Wa Gune compartirá escenario esta noite na décima edición de Cantos na Maré con Chico César, Rui Veloso, Sés e Uxía. A cita é no Pazo da Cultura ás 21 horas.

-¿Que lle parece este proxecto?

-Que cando acabe, todos nos quedaremos tristes. Porque é diferente, coñecer outros estilos de música distintos, estar a convivir todos os días... Pensas que isto non pode acabar, porque é tan bo... A xente toca, canta, e coñeces como é a música de Brasil, como é a de Portugal. É como unha familia. E tes saudade antes de acabar. É o tipo de proxectos polos que eu aposto. Fun pioneiro en Mozambique dun proxecto similar, de residencias musicais, que se chama Encontrarte. É un troco de experiencias e descobres novas maneiras de facer música e saber emocionar a través deste traballo que se desenvolve. Para min é unha honra e síntome orgulloso de participar. E é unha responsabilidade representar a Mozambique. Isto é unha cousa moi seria e me estou a preparar para dar o mellor neste concerto, que esta festa fique marcada.

-Dez anos despois, fálase de exportar o festival.

-Gustaríame que este festival non ficase só aquí. Podería xirar, hai moita xente á que lle gustaría ver un espectáculo así en Mozambique ou Brasil. Iso sería moi bo para o propio festival e tamén para os consumidores. Non é unha idea fácil, pero todo ten o seu tempo. Esta ponte cultural que se establece hai que mantela e gozala.

-Vostede é embaixador de timbila, un instrumento típico de Mozambique.

-É un instrumento que ven dunha tribu que se chama chopi. Pero non é só un instrumento, é como unha orquestra que envolve danza, música, teatralidade... A timbila ven de xeración en xeración, existían familias escollidas para tocar e elaborar este instrumento, porque todo timbileiro ten que saber fabricalo. É todo artesanal e tes que ir ao campo e escoller cal é a madeira certa... Tárdase como tres meses en facelo. É un instrumento que foi proclamado pola Unesco Patrimonio Inmaterial da Humanidade e para nós é un capítulo importante, a cultura mozambiqueña fica marcada na cultura xeral.

-No concerto, presentará os temas do seu primeiro disco.

-Si, titúlase Jindji Jindji. É fusión, unha mistura, tento localizar o meu propio estilo que é chopi-timbila-groove. A lingua e a timbila do chopi e o groove da bateria e da percusión. Jindji Jindji significa facer soar, significa danzar, un estilo de vibrar, que as persoas podan disfrutar.

-Xa tivera contacto coa música galega, con Narf.

-Si, o coñecín no 2004, cando se celebraba o trixésimo aniversario da revolución portuguesa e empezamos a traballar nunha peza conxunta que se chamaba Nun abrir e pechar de ollos. Houbo entre nós unha complicidade artística, tanto coa banda como con el, e de aí xurdiu o contacto. Pero eu xa o coñecía antes, porque vino a Mozambique ao Festival de Agosto, creo que no 94 ou 96. E me impresionou bastante cando interpretou un tema dun mozambiqueño chamado Paulo Macamo en shangana. Quedei moi admirado ao ver cantar a un galego na nosa lingua. Logo invitoume a vir a Galicia e comezamos a colaborar, realizamos unha xira por Galicia e Portugal no 2006. Estivemos aquí tres meses e gravamos algunhas músicas. Despois tamén fixemos algunhas outras cousas, a nosa relación é frutífera.

-¿Que máis coñece do que se fai aquí?

-Coñezo bastante a música de Galicia, soamente a tradicional. Hai esa necesidade porque eu veño dunha familia de músicos tradicionais. A maioría non fan música no escenario, senón en casa, nas aldeas. O chopis non separa a música da vida. A nosa xeración si que levamos a música polos palcos. Viaxamos e colaboramos con outros músicos.

cheny wa gune músico mozambiqueño