«Interesan os grelos de toda a vida e os produtos innovadores»

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ VIVEIRO / LA VOZ

FIRMAS

Premiado co Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico

04 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Miguel Vila (nacido en La Habana en 1958 pero criado no Valadouro) acaba de recibir o premio ao mellor traballo periodístico dos Premios Nacionais de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, un dos máis prestixiosos no seu xénero. Desta vez danllo por BenBo Gastronomía Atlántica Feita IN Galicia.

-Xa é o cuarto que recibe

-Poderiamos dicir que si. Levo dous meus persoais con dous libros: A Caldeirada para dous (mortos) e despois a Cociña do Merlín e logo dous colectivos, un en Galicia Gastronómica e este de agora con BenBo. Neste caso de BenBo é un equipo moi grande, somos máis de vinte persoas.

-Sacar unha revista nestes tempos...

-É unha revista e moito máis. É unha revista con edición en papel e edición dixital. Pódese mercar en papel e tamén para consulta visualizando a través dun ordenador, iPad ou outro medio tecnolóxico e ademais é unha páxina web con información diaria e ademais é a presenza permanente en redes sociais...Pero como dicimos na editorial, de revista non estamos todos, somos salmón, vamos contra corrente.

-¿Por que BenBo e non viva o fútbol?

-Porque de fútbol non sei nada. Levo toda a vida dedicado a temas de gastronomía e alimentación e o resto do equipo é xente relacionada co mundo do periodismo e da gastronomía e era lóxico que montáramos isto. Decidimos seguir co que sabemos.

-Eu adoito seguilo e vexo que está pendente do que sae ¿É así, pisan moito a rúa ou fai máis traballo de biblioteca?

-As dúas cousas. A min gústame meter os fociños nas hemerotecas e remexer e ver o que se facía antes e atoparme con cousas que agora parecen moi modernas e non o son tanto porque se facían hai 50 ou 200 anos, pero hai que estar en contacto coa realidade, coa actualidade para coñecer as cousas que se fan, e o que se está sacando ao mercado e esas outras cousas que están en mercados pequeniños, moi locais que o coñece a xente do pobo e nada máis. De vez en cando atopo produtos por aí que non sabías que existían.

-A Mariña é berce de gastrónomos ¿Non?

-Si, entre os naturais e achegados hai unha pandilla importante. Aí está o mestre de todos, que foi Álvaro Cunqueiro. Pero tamén Víctor Sueiro, que era coruñés, de Brión (...) e estaba casado cunha de Mondoñedo e escribe moito sobre a Mariña e Mondoñedo. Hai máis xente.

-¿Qué significa un premio coma este?

-Sobre todo un refrendo ó teu traballo e sobre todo que che da gañas de seguir traballando e moita ilusión porque este é un premio a un equipo grande, moi interesante; algúns non levan moito tempo nesto e é un refrendo importante e dáche gañas de seguir facendo o salmón, de ir contra corrente.

-Decántese por un prato.

-Un cocido. Coa que está caendo e estando en Lalín (o venres)...Pero con grelos de Lugo.

-En BenBo a cociña tradicional vai parella coa nova cociña.

-Si. Iso tiñámolo definido dende o principio. Interésanos a gastronomía galega en xeral, o produto por riba de calquera outra cousa e despois o traballo que os cociñeiros fan con ese produto. Interesan os produtos tradicionais, os grelos de toda a vida, e os produtos innovadores que poida haber no mercado. Interésanos a cociña tradicional de sempre e a cociña innovadora. O único que define a raia que separa é a calidade.

miguel vila pernas escritor e gastrónomo de O Valadouro

O polifacético Miguel Vila ten impulsado un bo número de proxectos dende que saíu da facultade.

-¿Aparte de Benbo vaise meter agora en algo novo?

-Eu que sei...Hai un libro que non é meu pero estou metido nel como editor, non como editor editorial, senón como a persoa encargada da edición. Me parece que vai ser interesante. É un libro coas receitas, todas non porque hai moitas, da muller de Cunqueiro. Elvira coleccionaba moitas receitas e o fillo conserva doce ou catorce cadernos cheos delas. E neso estamos traballando, na selección de receitas para publicar este mesmo ano, antes do verán.

-Como mindonienses que eran haberá moito prato de aquí.

-Si, hai moitas cousas da Mariña, incluso algunhas cousas coñecidas por todo o mundo, pero que a receita non está publicada en ningún sitio, eu a lo menos non din con ela.. Pero tamén hai cociña internacional, incluso hai receitas que están escritas en francés, e cociña de toda España, cociña francesa e incluso receitas de algúns restaurantes de Madrid. Supoño que na época en que viviron en Madrid visitaron eses restaurantes e Elvira pediría as receitas das cousas que lle gustaban e pediría esas receitas.

-¿Se concibe como unha obra para ter na cociña e consultar ou como unha obra literaria?

-É un receitario e o único traballo que fago é seleccionar as receitas, unha pequena introdución e algunhas notas a determinadas receitas. O traballo de verdade foi de Elvira de recuperar ese material. Hai moitísimas, pero van saír arredor dun cento.

«Interesanos a gastronomía galega en xeral e o produto por riba de calquer cousa»

«De vez en cando atopo produtos en mercados locais que non sabías que existían»