«Seguro que me deixei dominar pola parafernalia institucional»

Nacho Mirás Fole

FIRMAS

Dóelle o «divorcio» entre os partidos e os cidadáns, especialmente o do PSdeG

21 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Sempre vivín a política con paixón e entrega, pero non de maneira profesionalizada. E iso permitiume sempre ter a sensación de que a miña vida era unha viaxe de ida e volta». Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 1948), expresidente da Xunta, di que nestes últimos catro anos recuperou o gusto polas cousas pequenas. E que cando un fai iso dáse conta do que valen as cousas cotiás, o sabor da xente.

-Tivo tempo de escribir un libro. ¿Como terapia?

-Catrocentas setenta páxinas dedicadas, probablemente, a cicatrizar feridas. E a compartir cos cidadáns e a explicar, sobre todo coa maioría social que nos votou cando perdemos as eleccións, por que terminamos por perder o Goberno. Necesitaba ese exercicio de cura e tamén era un compromiso e unha obriga.

-Dicíame alguén que os ex presidentes sempre son figuras difíciles de recolocar...

-Posiblemente o sexan para os demais. Eu non o vivo como unha complicación; agora, entendo que para a vida institucional e política pode ser que non estea moi claro o que pode facer ou deixar de facer un ex presidente. Persoalmente penso que é máis sinxelo: eu entendo que esta tarefa de colaborar e aportar o teu coñecemento do goberno a un consello como o Consultivo é un bo labor. Eu autoimpúxenme incompatibilidade de facto, só farei aquilo co que me sinto compatible: a miña profesión na Universidade e escribir libros. Non estou no mercado.

-Tamén pasaron catro anos para o PSdeG, e non se ve o ceo aberto, máis ben todo o contrario...

-Vexo tanto ao PSdeG como ao PSOE como un círculo pechado, afastado dos cidadáns, un círculo de profesionais do aparato dedicado ao seu. E cada vez máis desconectados da realidade social e da necesidade dun profundo cambio social e político. Iso faille dano á dereita, pero destrúe literalmente a esquerda e a socialdemocracia. Nin temos proxecto, nin proposta, nin idea, nin liderado. Levamos tres ou catro anos falando só do noso. Hai que refundar e renovar o proxecto político, esa é a tarefa.

-¿Vostede chegou tamén a perder o contacto coa xente? Critícaselle un certo endeusamento, sábeo...

-Sufrín moito esa crítica, si. Que estaba alá arriba, en Monte Pío... Dixéronse moitas cousas. Pero quen sementa ventos recolle tempestades, e iso está a pasar agora. Seguro que me deixei dominar pola parafernalia do aparato institucional que me rodeaba, que se escolta, que se coche oficial, que se a rixidez presidencial... seguro que si. E un aprende. Se tivese outra vida ou outra lexislatura, estou convencido de que hai moitas cousas que non faría igual. Pero sempre concibín a política como un exercicio de apertura e tratei sempre de abrir o partido. Un partido non é propiedade privada do seu aparato.

-Nestes catro anos ¿recuperou amigos?

-O exercicio da política non deixa moitos amigos. E deixas algúns polo camiño, podo entendelo: xente que, ao mellor, agardaba de ti outro comportamento, que tiña outras expectativas. Pero recuperei a outros que deixara de ver.

-¿O retorno é imposible?

-Non me gusta o termo imposible. Pero si puxen punto final.