Os dispositivos móbiles convértense en aliados do medio

mar varela CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

Cada vez existen máis aplicacións que axudan a coidar e valorar o entorno

11 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O teléfono móbil hai tempo que deixou de ser iso, un teléfono, para converterse nun ordenador de peto. Cada usuario pode, ademais, personalizar o seu dispositivo coas aplicacións que lle resulten máis interesantes. Nos últimos tempos apareceron algunhas gratuítas que teñen que ver co coidado do entorno.

Un dos exemplos é GuíaReciclaje, un sistema que promoveu Ecoembes para axudar aos máis despistados a saber en qué colector deben depositar os diferentes tipos de envase. Pero se o que precisamos é desfacernos dun voluminoso ou de restos de obras no fogar, podemos descargar a aplicación Punto Limpio. O sistema está promovido pola Fundación Ecolec e permite localizar calquera punto limpo de España a través da xeolocalización.

Poder posicionarnos a través do móbil é unha das vantaxes comúns na maioría destes programas. Por exemplo, grazas a Desembasura poderemos ver que hai usuarios que enviaron fotos de vertedoiros incontrolados en lugares naturais coma a lagoa de Baldaio ou na praia de Boca do Río, nun punto moi próximo a Caldebarcos.

A administración galega tamén se está a poñer as pilas neste tema. Turgalicia lanzou nos últimos meses as aplicacións Sendegal e Enotur Galicia. A primeira, desenvolvida pola empresa que co-dirixe o corbubionés Alejandro Lamas, permite descubrir as rutas homologadas en Galicia e clasifícaas segundo o sistema M.I.D.E., unha forma de comunicación entre excursionistas que intenta valorar a dificultade dos tramos. Ademais ofrece información sobre se o camiño se pode realizar tamén en cabalo ou bicicleta, se se precisa algún tipo de material especial e ofrece información de cómo chegar ao punto de inicio. Polo seu lado, Enotur pretende descubrir os segredos de Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras, as cinco zonas principais de viño da comunidade. Se percorremos as súas posibilidades, a organización dunha visita a estas comarcas será máis doada.

Tamén existen aplicacións para atopar con quen compartir vehículo ou cómo mellorar a condución eficiente e diminuir o dióxido de carbono na atmósfera. A nosa pegada de carbono pódese medir a través de aplicacións como Carbon Footprint Calculator (Android) ou Zero Carbon (iOS), que ofrece consellos sinxelos para reducir o noso impacto no medio.