Unha iniciativa para sacar do silencio a unha poeta lucense

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

CEDIDA

Lugopatrimonio lembra hoxe á escritora monfortina e profesora do Xoán Montes

30 may 2013 . Actualizado a las 14:50 h.

Lugopatrimonio celebrará hoxe na Deputación -ás 20 horas- un acto de homenaxe á poeta monfortina Sabela Rodríguez Oxea, falecida o pasado outubro, coa intención de rescatar e divulgar a súa pouca coñecida obra literaria. No acto presentarase un vídeo documental sobre esta autora realizado por Xosé Bocixa e o escritor Lois Diéguez, presidente da asociación.

Sabela Rodríguez Oxea naceu en 1958 e faleceu en Lugo -onde viviu durante grande parte da súa vida- despois de ter padecido graves problemas de saúde. Publicou un único libro de poemas, Versos do silencio roto, que editou por conta propia no 2005. Segundo explica Diéguez, a obra tivo unha difusión moi escasa a pesar de caracterizarse por unha notable calidade literaria. «Non tivo ningunha repercusión basicamente porque ela non tiña padriños», sinala o escritor. Cando morreu, na súa vivenda quedaban máis de douscentos exemplares do libro que non chegaron a ser distribuídos.

Ademais desta obra publicada, Sabela Rodríguez Oxea escribiu outro poemario titulado Descuberta meridiana, que permanece inédito. Tres poemas breves pertencentes a este libro foron publicados no 2006 -xunto cunha reseña biográfica da autora- pola revista Foeminas, editada pola Casa da Muller do Concello de Lugo, nun número que pode verse en Internet. Porén, é moi difícil encontrar referencias sobre ela en calquera outra publicación. «É unha escritora moi descoñecida e por iso precisamente organizamos esta homenaxe, para dala a coñecer e para sacala do silencio», sinala Diéguez.

Proxecto de edición

O colectivo lucense -engade o seu presidente- intentará promover a publicación do libro inédito. Para arrecadar fondos con este obxectivo, porá á venda en formato DVD o documental que se presentará esta tarde en Lugo, que inclúe testemuños de diversas persoas que a coñeceron, como o xornalista Xosé Manuel Pereiro e o escritor Xosé Miranda. No vídeo aparece tamén a cantante Pilocha interpretando dúas cancións compostas sobre textos da escritora. Os promotores da homenaxe non descartan celebrar máis adiante un acto similar en Monforte, pero por agora non hai nada previsto neste sentido.

Sabela Rodríguez Oxea viviu en Monforte durante a infancia e adolescencia e foi alumna do colexio Divina Pastora. Estudou historia na Universidade de Santiago. Mantivo amizade con diversos escritores galegos, como a tamén monfortina Teresa Moure e a poeta Chus Pato, e participou en actividades políticas como militante do Partido Socialista Galego e do Bloque Nacionalista Galego. Despois de terminar a carreira, traballou varios anos facendo substitucións en diversos centros educativos da provincia. Exerceu como docente na Fonsagrada e máis adiante no instituto lucense Xoán Montes. Durante un tempo estivo casada con Fernando Blanco, antigo deputado e conselleiro de Industria. Nos últimos anos da súa vida, os seus problemas de saúde agraváronse ata o punto de impedir que seguise traballando, polo que se acolleu a unha xubilación anticipada.

Na mencionada revista Foeminas afírmase que a autora escribiu tamén un libro de relatos, pero Lois Diéguez sinala que a súa obra literaria coñecida limítase aos dous poemarios citados: «Pode haber algúns poemas máis que aparecesen nalgunha revista, pero que se saiba, iso é todo o que escribiu»

homenaxe sabela rodríguez oxea