«O Couto Mixto é o territorio da infancia e dos meus soños»

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

O segundo disco da formación inclúe temas con textos de Lorca, Curros, Pessoa e Celso Emilio Ferreiro, entre outros

30 jul 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

A xuntanza anual do Couto Mixto tivo este ano un valor engadido na presenza do grupo 2naFronteira. A cantante galega Carme Penim e o músico italiano Maurizio Polsinelli son os compoñentes da formación, que nos vindeiros días terá nas tendas o seu segundo disco, no que haberá temas vencellados ao Couto Mixto. Logo de pasar seis anos en Italia, radicouse en Moaña, onde exerce de profesora de Lingua Española e Literatura.

-Dende a Asociación de Amigos do Couto Mixto salientouse o seu vencello coa zona ¿cal é o arraigo ao que se referían?

-Nacín en Covas (Os Blancos) e de pequena quedei coa miña familia paterna, que era de Meaus. E cando fomos a emigración a Holanda sempre viñamos nos veráns a Meaus. Daquela o Couto Mixto é para min o territorio da miña infancia e dos meus soños.

-¿Como acolleu a proposta para actuar no acto de Rubiás?

-Foi unha actuación especial. É a túa terra, na igrexa estaban os meus familiares e os meus veciños. Non foi unha actuación máis, é todo moito máis emotivo. Tamén me pasou cando fomos actuar a Xinzo e viñeron todos os familiares de Meaus.

-¿No primeiro disco xa había referencias á zona arraiana?

-Si pero pasou un pouco máis desapercibido porque editámolo cando estabamos en Italia e xa había unha peza, Alalá dende Turín, na que se refrexaban estes territorios: as veigas de Meaus, os ríos, as fontes, o Cebreiro.

-¿As pezas que interpretou foron creadas para a ocasión?

-A Nana do Couto Mixto era un tema que xa o tiñamos feito e si que creamos, Maurizio Polsinelli e máis eu, a Rosa do Couto Mixto para a ocasión. Foi unha sensación extraordinaria porque te atopas con xente que tiña de ti a referencia de cando eras unha cativa e agora atopan unha muller que lle canta aos espazos que todos coñecemos.

-¿Para cando está prevista a edición do novo traballo?

-O segundo disco de 2naFronteira debía estar listo para o acto do Couto Mixto pero non chegou a tempo. Alma está composto por doce temas, con textos de Paz Andrade, Pessoa, Lorca, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Manuel Rivas e Alfonso Láuzara.

carme penim cantante do grupo 2nafronteira