«O violín de Rembrandt» é o título da novela de intriga premiada
07 sep 2013 . Actualizado a las 06:00 h.Jorge Llorca, gañador do premio de novela Blanco Amor 2013, combina pintura e literatura. Ata hai dous días era tamén profesor na ESAD Pablo Picasso, pero a xubilación recentísima chegou cun pan baixo o brazo. O violín de Rembrandt é o título dunha novela que, segundo o seu autor, «ten intriga e sentido do humor».
-¿Cal é a historia que conta a súa novela?
-É a circunstancia dun home, un profesor de historia da arte por horas nunha academia, que nun prazo moi breve ten a oportunidade de vender un Stradivarius e unha peza de Rembrandt. Vese involucrado nunha historia na que pode saír da vida máis ben mesquiña que leva. Pero ao tempo ten todas as dúbidas de se todo iso é ilegal. Vese nesa circunstancia de decidir entre un xeito de corrupción ou unha vida máis cómoda. Todos somos incorruptibles ata que chega unha oportunidade tentadora.
-¿Desde que punto de vista está contada O violín de Rembrandt?
-Está contada en primeira persoa, desde o punto de vista do protagonista. Ten dúas cousas, que eu espero que se aprecien: unha intriga que creo que chega ata a última páxina e un sentido do humor para narrar feitos que desde a vida real poden parecer inverosímiles. A intriga ten que ver coas dúbidas do protagonista sobre o que debe facer e tamén sobre o xeito en que pode vender esas dúas pezas. Da xente coa que se tropeza no mundo da arte que non son xente especialmente limpa.
-¿Cal é a paisaxe para esa intriga?
-En realidade non hai ningunha que se corresponda cunha cidade. Unha grande parte correspóndese a Ferrol, que é onde nacín, pero logo hai cousas que proceden doutros lugares, por exemplo é unha cidade con universidade e Ferrol non ten. Creo que hai cousas que os lectores poden identificar pero non se corresponde completamente cun lugar en concreto.
-¿Cando fala do mundo da arte, fala pola súa experiencia como pintor?
-Algunhas das opinións do protagonista sobre arte coinciden coa miña, pero a miña experiencia no mundo artístico é moito menos desoladora que a súa. A experiencia con xente que se aproveita da arte coñézoa, pero é a distancia.
-Estreando a xubilación, ¿que vai tirar máis: escribir ou pintar?
-O premio tira para escribir, pero levo toda a vida entre as dúas cousas e quero poder seguir coas dúas.
jorge llorca Freire gañador do premio de novela blanco amor