
Mañá presenta «The best of» no Teatro Principal
18 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O Teatro Principal acolle mañá unha nova noite de retranca que desta volta une ao incombustible Rober Bodegas co seu The best of e ao archicoñecido Víxtor Fábregas con Ai Xesusiño! Pasen e rían.
-¿Volve coa súa particular cruzada contra os iogures?
-Pois non creo. O ano pasado en Falabaratos estreei show novo, No umbral da estupidez. Esta vez comparto cartel con Víctor e non poderei facer o show íntegro, pero será un extracto que fala das normas de seguridade dos aeroportos, dos atascos, dos vexetarianos, da teletenda... Como temos menos tempo faremos unha versión reducida e xa que a produtora decidiu titulalo The best of, pois igual hai algunha mención. Pero hai ganas de mostrar material novo. Ese espectáculo foi guai porque estivo sempre vivo, porque ía cambiando cos novos iogures.
-¿Como xorden as ideas para os monólogos?
-A verdade é que non sabería dicir. Ás veces hai que facer o esforzo de sentar a pensar pero creo que cando sento xa hai un punto de partida que sae nunha situación do día a día, ou nunha conversa con colegas. Por exemplo, de súpeto está aí no control do aeroporto coa bolsa dos líquidos e veste nunha situación absurda porque sabes que o teu desodorante non é perigoso.
-A base é o día a día, logo.
-Si, claro, porque en todos os contidos buscas a identificación ou que a situación sexa recoñecible aínda que logo lle deas á volta cara a algo absurdo ou surrealista ou máis inesperado.
-¿O segredo dun bo monólogo é que o público se sinta identificado?
-A premisa é esa pero ás veces hai un problema cos monólogos, que non se vai máis alá, hai textos que funcionan por nostalxia pero non se constrúe nada, só se fai memoria e pode chegar a saturar. O que mola é presentar unha situación que todo o mundo coñece pero dar a sorpresa.
-¿É mellor a tele ou o directo?
-Eu pásoo mellor en directo, porque agora mesmo os monólogos en televisión son ultrabrancos e chega un momento no que se volve todo un pouco previsible e convencional. Como sabes que ao monologuista non lle deixan cruzar a liña non te vas sorprender. En directo ninguén che di ata onde podes chegar e iso fai que medre o cómico.