
O libro trata dunha adolescente ao iniciarse no amor e no sexo
22 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A escritora mindoniense Marina Mayoral volta á súa Mariña natal para presentar hoxe en Foz (Casa da Cultura, 20.00) o seu último libro O anxo de Eva, amor e sexo aos trece anos. O acto que organiza a Biblioteca Pública Municipal será máis que unha mera presentación da novela onde mestura realidade e ficción e o seu Mondoñedo, pois dará unha charla coloquio sobre a idade sexual, recentemente noticia porque a de consentimento foi ampliada aos 16 anos.
-¿Está xa en Mondoñedo?
-Si. Levo aquí dende o venres pasado. Mondoñedo está precioso. O que queira tranquilidade e soidade pode atopalas aquí.
-¿Como lembra a adolescencia?
-Teño 70 anos e o mundo cambiou complementamente. Hai case 60 anos de diferencia. Antes tiñamos unha infancia máis prolongada e os nenos eran unha parte, importante, da familia. Agora son eles os reis da casa, a veces equivocadamente. Falando en xeral, teñen dereitos pero non recoñecen deberes, son esixentes, non aguantan un «non». Este libro está centrado noutro tema, o do consentimento sexual, o espertar do desexo e do amor dunha nena de 12 anos que cumple 13 no verán.
-¿Como foron os seus amoríos?
-Moi platónicos, moi bonitos. Sempre fun moi namorizada.
-Hoxe en día están tamén as redes sociais polo medio.
-Iso nin existía. Como moito, era buscar o rapaz no paseo, ollar para el, el para ti...
-E Eva, ¿como vive todo iso?
-Vive a adolescencia ben pero con inquedanza, problemas. Ten que mentir moito na súa casa para facer o que ela quere facer.
-O tema central está de plena actualidade pola nova lei.
-O tema de rapazas moi novas con relacións está na sociedade e algo así como banalizado. Eu namorábame moitísimo pero agora máis que namoramentos hai ligues e moi cedo. Por outra parte hai xente que non se entera. Un profesor de instituto criticou nun blogue dicindo que eu, como estaba na universidade, non me enteraba de como estaba o mundo. Eu penso que rapazas e rapaces van pola súa conta e a familia queda á marxe, os mestres tamén, menos as profesoras. As críticas ao libro, sen embargo, foron boas.
-¿Traduciranllo tamén ao chino ou polaco coma outros seus?
-Teño oito novelas traducidas ao polaco. En Polonia son unha escritora popular.
-Boa estancia en Foz.
-Cando penso no mar penso no mar de Foz. O boto de menos.
marina mayoral escritora mindoniense que hoxe presenta «o anxo de eva» en foz
«Mondoñedo está precioso. O que queira tranquilidade e soidade pode atopalas aquí »
«O tema das rapazas moi novas con relacións está na sociedade e como banalizado»