Miguel Hernández descubrírao, na fragrancia ou no fragor (segundo se mire) do seu tempo, para a turxescencia poética ou a laparada amorosa. O raio que non cesa. Bunbury descubriuno na sonoridade do título daquel álbum que ía adquirir nunha tenda de discos de Zaragoza (iso se di). O mar non cesa. Maralla recolle a idea ou o influxo; iso que, na arte, chamamos influencias. Sabe que en Bunbury hai tamén unha reminiscencia ou unha intertextualidade do poemario de Miguel. Púxolle a esta «caída de mar», nada máis e nada menos, que o título dos nosos admirados Heroes, os do silencio (Juan Valdivia, Pedro Andreu, Joaquín Cardiel e Enrique Bunbury), retomando o raio hernandiano e acariñando o mar de Balieiros coa súa man de ave lírica.
Maralla ten a súa materia ou antimateria plástica na auga como Tàpies ten a súa na area, como Clavé a súa no aluminio ou como Burri a súa na esteira -non sei-. Algún dos seus lenzos teñen moito de saco acuático, rachado e místico (retomando a Burri). Por iso digo o da antimateria. O mar de Maralla achégasenos ou prolóngase alén de si mesmo e alén de nós. O mar de Maralla é inmenso, eternoretornante, infinito. O mar de Maralla é o cosmos poético, espiritual e incesante que dende nenos lle vén dando o son aos nosos soños e pensamentos.
Maralla pinta o mar nun barroco textural, matérico e antimatérico de fulgores, buguinas, bolboretas, remuíños, cunchas, soles e cromatismos da escuma. É esa linguaxe que diciamos, tamén aquí, hai unhas semanas. A das praias, emotividades e areas que a súa alegría pictorizada recollía para a vibración dos seus apeiros pictóricos. Esa linguaxe, creación súa, que é tamén a do movemento, a da interacción de todos eses elementos ou a do estado esencial que, sendo o de todo o Universo, representa o mar.
Non sei se Maralla sabe que a capa dese disco dos Heroes, no seu aspecto ou no seu sentido, semella tanto a furna do faro de Corrubedo. Non sei se sabe que o embate desa onda ten tanto do mar dos seus cadros. Caída do mar. Impacto de cor e rocha. Poida que fora o acto instintivo da memoria poética. Pero o resultado é esa forza, esa épica do disco ou da pegada que vén deixando o recordo de Maralla dende as súas primeiras pinturas. A roseira acuática de goticismo e transparencia que queda aí. A manda de cunchas ou brancos espelidos que a memoria e a marea removen incesantes. O movemento perpetuo e auténtico da arte. Tamén o son perpetuo, o axóuxere da area, que é o da vida.
Maralla ten a súa materia ou antimateria na auga; como Tàpies na area