«Hai un buque de guerra inglés que nos gustaría atopar na Mariña»

Y. GARCÍA SAN CIBRAO / LA VOZ

FIRMAS

Hoxe fala da Armada Invencible e Viveiro no Museo do Mar en San Cibrao

05 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Museo do Mar de San Cibrao acollerá hoxe unha charla sobre a relación entre a Armada Invencible e Viveiro, a cargo do investigador pontevedrés afincado en Lugo Yago Abilleira, baixo o título A Armada Invencible, Felipe II e o Mar do Norte, 1588. Será ás 19.00 horas e conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, da Área de Cultura. Participou en campañas de arqueoloxía submarina da Xunta de Galicia, publicou libros como o dos galeóns de Vigo e é membro da Real Liga Naval Española que tamén colabora nesta conferencia.

-¿Cal é o seu oficio?

-Son contable, pero a historia naval e o mergullo son a miña gran paixón.

-¿Como acabou neste mundo e que traballos ten feito?

-Por un curso que fixen na universidade sobre a batalla de Rande. Se me abriu un novo mundo, o dos barcos fundidos. Aos tres meses estaba sacando o título de buceador. Teño colaborado na campaña de Viveiro e Ribadeo da Xunta para a carta arqueolóxica submarina. Pero tamén me teño mergullado pola miña conta conta e avisado dalgún achádego como o do San Bartolomé.

-¿Que contará hoxe en Cervo?

-Falo da historia da Armada Invencible que manda Felipe II contra Inglaterra. O que habitualmente se nos conta está moi terxiversado, pois os historiadores ingleses contan as cousas ao seu favor. A Viveiro regresa a galera Diana que zarpara co resto da Armada Invencible pero tivo que regresar antes de chegar a Inglaterra e tivo que refuxiarse na ría viveirense por mal tempo. Se amotinan en Viveiro e teñen que intervir os soldados do Rei. Era o día de Santiago e quedaba a galera baixo mínimos. Despois vai participar na defensa da Coruña, por iso o papel de Viveiro acabou sendo importante. O problema que tivo a Armada Invencible é que realmente era algo totalmente inviable.

-¿En que soe centrar as investigacións que fai?

-Nos naufraxios en portos.

-¿Hai algún achádego que se lle «resista»?

-Hai un barco inglés que nos gustaría atopar. É o buque de guerra inglés HMS Conflict, de 12 canóns, que desapareceu unha semana despois do naufraxio da Magdalena (que o inglés afundiu o 9 de novembro de 1810), presumiblemente nalgún punto da Mariña lucense. Non houbo sobrevivintes. O seu capitán era Joseph Batt.

-Nesta ocasión vén ao Museo Provincial do Mar. ¿Que me pode dicir dos seus fondos?

-Xa estiven aí varias veces. De feito, catalogamos a artillería que teñen, entre ela un canón pequeno que é da Magdalena e non o sabían.

-¿Ten previsto dar máis charlas dese tipo no resto da comarca?

-Si, no Casino de Viveiro.

yago abilleira crespo investigador de historia naval