«As Catedrais está sendo un motor económico para toda A Mariña»
05 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.As Catedrais, o efecto da autovía, a ocupación hoteleira, a opinión xeneralizada da xente... son cousas que levan ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a manifestar que Ribadeo «está en auxe, nun dos seus mellores momentos». Nega, pois, algunhas opinións que din que perdeu protagonismo, peso institucional, servizos, influenza, respecto de épocas pasadas. «Máis aló de se antes tiñamos un xulgado de primeira instancia e algunha oficina que agora non hai, teño que dicir que de Ribadeo fálase ben en todos lados, polas Catedrais, polo casco vello, porque é unha pequena cidade para vivir... todo iso é algo que nos orgullece. Dis que es de Ribadeo e podes ir coa cabeza ben alta. A imaxe de Ribadeo, co bo traballo do sector privado, dos servizos e dende o Concello tamén, vai a mellor. Ribadeo vese como un lugar ideal para vivir, vir de vacacións, vir á praia, escoitar un concerto, tomar uns viños, mercar, vir a divertirse...».
-E iso cando Ribadeo ten aínda cuestións pendentes. Por exemplo, aquí non se deu o bum urbanístico porque había un plan xeral obsoleto.
-Espero que dentro de moi pouco tempo teñamos noticias agradables sobre urbanismo, a aprobación definitiva do novo plan. Pero que ninguén pense que con iso en Ribadeo se van a construír mil vivendas ao ano. Ribadeo ten que iniciar un crecemento sostible. Afortunadamente quedamos á marxe de aquelas aberracións urbanísticas que se teñen feito por concellos ben próximos ao noso. Por iso o stock de vivenda que hai agora en Ribadeo non se vende ao peso, a prezos de 20.000 ou 30.000 euros. Ribadeo é un sitio que vai ir a máis, pero a modiño, sen permitir crecementos que non sexan racionais, para que siga sendo un lugar onde se valora vivir.
-E queda aínda por ver o efecto real da autovía
-Para nós xa está sendo moi importante. Temos que seguir así, traballando estreitamente cos comerciantes, porque a autovía está traendo a moita xente a Ribadeo. Non o digo eu... aí están as estatísticas de turismo. A autovía non é unha ameaza, é unha oportunidade que estamos aproveitando».
-E As Catedrais.
-As Catedrais é o mellor motor económico que pode ter un concello, e o está sendo para toda A Mariña. É un reclamo internacional do que non solo se beneficia Ribadeo. Se a Xunta non está á altura e se non toma medidas no plan que está redactando será o fracaso máis importante en materia turística. Espero que regule ben As Catedrais, porque si o fai ben será o maior reclamo de Galicia, máis que a catedral de Santiago.
fernando suárez alcalde de ribadeo (BNG)
fiestas de ribadeo