«A literatura pode servir para fuxir un pouco do mundo»

FIRMAS

CESAR QUIAN

A escritora coruñesa ten dúas obras pendentes de ser publicadas

12 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Ó abrigo das mil e unha árbores do parque de Santa Margarita, a multipremiada escritora Andrea Maceiras Lafuente (A Coruña, 1987) vai contando a súa historia. Unha historia que é ademais unha completa, sincera e persoal homenaxe ó libro.

-Algo así foi o que dixo o xurado da obra: Miña querida Sherezade.

-A historia xurde dun libro moi especial que había na miña casa. Era da miña avoa. A ela regalárallo unha amiga da infancia. E á súa amiga, dérallo seu pai. Era un libro moi vello, o mais vello que había na casa. Sempre vivín fascinada por ese libro, e decidín escribir a historia versionada.

-¿Así que os libros teñen vida?

-Este está narrado polo libro mesmo. A medida que vai contando a súa historia e a dos seus propietarios, van tomando corpo os seus personaxes que son Ali Baba, Aladino, Simbad...

-Porque é As mil e unha noites.

-Si. Para min Sherezade sempre supuxo un exemplo de alguén que se salva grazas á literatura.

-Os libros poden salvarnos de depresións, axudarnos con longas estancias nun hospital...

-Claro. A literatura é un refuxio. Pode servir para fuxir un pouco do mundo en que vivimos.

-¿A que idade empeza a escribir?

-Dende moi nena. Houbo un profesor que me animou moito.

-¿Cal foi a obra que lle enganchou coa lectura para sempre?

-Todas as da Xeración Lamote, Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, etc... ¿Quen máis? Clásicos como Xulio Verne. Tamén marcoume moitísimo O sol do verán, de Carlos Casares. Lino cando tiña 15 anos e pareceume espectacular.

-¿Ter tantos premios na súa mochila supón un pulo necesario ou mételle demasiada presión polas expectativas que vai xerando ó seu redor?

-Eu escribo porque me gusta e porque me fai feliz. Aínda que non publicase, faríao igual.

-Ao mesmo tempo, traballa e prepara a súa tese doutoral.

-¡Iso si que me xera presión!

-¿Como reparte o tempo?

-Non durmindo. [Risas] Tamén lle digo que eu son quen de estar unha tarde enteira mirando libros coma quen mira roupa.

-¿Algún ritual para escribir?

-Para illarme un pouco, poño a mesma canción. En bucle.

-¿Cal?

-Nesta foi unha de Lana del Rey.

Con cada novela é diferente.

-No 2011 foi finalista da Fundación Novacaixagalicia por «Nubes de evolución». ¿Cales son as nubes favoritas dunha experta en meteoroloxía literaria?

-As nubes de evolución, sen dúbida. Este sempre foi un termo que me pareceu absolutamente poético cando o escoitaba no parte do tempo. Esa novela transcorre nunha estación de buses, un lugar de tránsito, como as nubes.

-¿Xa perdeu a conta de cantos premios recibiu ata agora ou os ten ben contadiños todos? Porque leva uns cantos...

-Non levo a conta. Para os autores novos coma min, obter calquera tipo de premio supón abrir unha porta a que a nosa obra sexa coñecida e se difunda. Estou feliz.

-Aínda no cumpriu os 30, ten dúas obras pendentes de saír do prelo e repite premios. Esta é a segunda vez que gaña o Meiga Moira de Baía Edicións.

-Encantada de repetir experiencia con Baía, cousa que me abriu as portas de moitos institutos.

-¿A xente moza le?

-Si. A meirande parte das películas que están no cine baséanse en novelas para adolescentes.

-¿E non será que eles chegan a novela logo de ver a película?

-Non creo. Para que chegue a ser película ten que ser un supervendas antes. Iso de que os rapaces len pouco é un mito.

-En literatura infantil está claro que somos unha potencia, pero ¿qué pasa co mercado xuvenil?

-Hai escritores de moita calidade. Penso que iso nace da necesidade que existe de que non haxa unha ruptura xeracional.

-Que o que empeza lendo en galego, non perda esa conexión.

-Neira Vilas explica que, se un rapaz de 10 anos non le en galego, ós 40 vaille ser difícil.

Andrea maceiras premio Meiga MoIra 2014 de Literatura Infantil e Xuvenil convocado por Baía Edicións