Factoría de Subsistencia: «A ironía evita que deas un puñetazo»

FUGAS

Comezou como un proxecto de Josito Porto e Sabela Dacal pero vai gañando corpo aos poucos e quen sabe a onde pode chegar esta Factoría. Polo de agora velaí un primeiro disco, «Cerca da túa orella». Retranca e surrealismo do país envoltos en música acariñante para seguir subsistindo

04 sep 2015 . Actualizado a las 11:57 h.

O idilio de Josito Porto coa música vén de lonxe. Do rock de batea de Korosi Dansas. De Magritte. «Dunha droga que nunca podes deixar», confesa o músico que tamén é actor.

-¿De onde parten os temas?

-Hai cancións de Factoría que arrincan mesmo da última época de Korosi Dansas. Quedáronme aí dentro e había que darlles saída. Con tres acordes e indo eu só polo Obradoiro cando as acampadas do 15-M foron aparecendo os temas. Estiven tocando alí e algún dicía que era un pagado de Conde Roa para asustar a xente e que marchase.

-Tirando de micromecenado, non de crowdfunding.

-O micromecenado consiste no que sempre se fixo no rock. Ti asumes o gasto do disco e a xente vén aos concertos e vai mercando os discos. Así nos dá ánimos para facer un segundo. Ti demostras que hai uns tremas gravados e a xente ten que demostrar un interese desmedido en mercalos. Leva un mes na rúa e debemos de ter cuberto o 20% do gasto. Me llena de orgullo y satisfacción.

-¡E que historias! Un virus namorado, unha lura xigante de bar, un exaculador...

-Moitas veces, para evitar darlle un puñetazo á parede, hai que soltar as cousas con ironía. En Factoría hai un xogo de melodías aparentemente infantís, que poden soar a xogo, rozando o punto máis naif da música. Pero no medio dunha nana pode agacharse algo dedicado a alguén que está pendurado no estremo dunha corda. A lura de bar é a miña visión deses individuos que están aló, no fondo das barras, que se cadra teñen a idea que nos quitaría da crise, pero aos que non lle facemos caso ningún porque están rodeados de cubatas e cuncas de viño... Todo o meu respecto para as luras de bar.

-Factoría é, logo, Josito.

-Non, non. Eu aporto os temas, pero eses temas trabállanse e eu atopei en Sabela Dacal e o seu acordeón a miña parella artística ideal. Así que é un proxecto dos dous, que vai navegando cara ao trío coa percusión de José Lameiras, e teño en mente a idea de formar banda para tocar en teatros, en prazas, onde poidas xogar cun caché. Estou pensando na guitarra de Mon Orencio. Mon, estás marcado.