«Este ano aínda non tocamos en Galicia»

FUGAS

MARTA BARROS

O dez preside o novo traballo de Daniel Bellón e Diego Maceiras. Ese é o número de pezas de «Ten», un disco co que celebran o seu 10.º aniversario e no que se rodean de músicos cos que coincidiron estes anos

20 nov 2015 . Actualizado a las 18:09 h.

O décimo aniversario do seu primeiro concerto, na romaría do Pote de Maniños, é a escusa que escolleron BellónMaceiras para volver sacar disco. Diego Maceiras (Fene, 1984), acordeonista e metade da formación na que participa co gaiteiro Daniel Bellón, recoñece que xa era hora de abandonar os cinco anos de silencio discográfico para demostrar que «seguimos facendo cousas e con máis forza se cabe». Avanza que Ten será estreado o 5 de decembro na súa casa, en Fene, no local de Agarimo de Sillobre. Agora están inmersos nunha campaña de crowdfunding a inversa coa que queren establecer nexos co seu público máis aló da simple venta.

-¿Como contan o disco despois de gravar como dúo e como quinteto?

-Contámolo como o terceiro. O primeiro foi como dúo con colaboracións. O segundo foi practicamente enteiro como quinteto, e neste non é que volvamos á formación antiga, pero é dúo e colaboracións. 

-¿Máis aló de Brasileirinho, o single que xa se pode escoitar nas redes, como é o resto do traballo?

-Esa peza escollémola pola votacións dos fans, foi un tema que propuxeron eles. No disco hai un pouco de todo, sempre nos gusta levar a gaita fóra do seu contexto e por iso hai música de Gales, outra peza semivasca e temas de autoría. Basicamente son dez temas que nos gustaron. Somos amantes da boa música. 

-Hai sete colaboracións, ¿custou escoller?

-Contamos cos compañeiros do quinteto: Cabe, Tinaquero e Miguel Lamas. Logo está o trompetista Rafa Carracedo, quixemos premiar o bo facer da alumna da escola María López e colaboran tamén o violinista danés Oliver Wilson-Dickson, que coñecemos en Lorient, e a organista rusa María Moiséeva, coa que tocamos dúas veces en Moscú.

-¿Como se xustifica que toquen máis fóra ca aquí?

-Levamos un ano con moitas viaxes: Alemaña, Irlanda, Escocia e Andorra, e aínda non tocamos en Galicia, por exemplo. Nesta altura non houbo outro concerto que algún didáctico, pero non un concerto noso. Pola nosa parte, basicamente a onde nos chaman vamos, non dixemos a ninguén que non, pero poñemos o noso empeño e forzas en estender a música por fóra, porque nos gusta e facemos música do mundo. 

-Non deixa de ser estrano.

-O de que un nunca é profeta na súa terra pode cumprirse. Nestes dez anos estivemos en moitos países, tamén fixemos concertos en Galicia, pero o noso empeño e forza os investimos en tocar e aquí a cultura está de capa caída, hai menos festivais e grupos, moitos disólvense ou cánsanse de pelexar... Nós non, porque é o que nos gusta e nos mantén vivos.

-Coa escola, ¿están máis centrados na docencia?

-Concertos podemos ter dez ao ano e non dan para vivir, coa escola temos a tranquilidade e o apoio do día a día. Temos 140 alumnos en todas as disciplinas e encántanos dar clase. E unha faceta na que nos atopamos cómodos e coa que tamén aprendemos.