«?Extra:Mundi? é a nosa homenaxe ao exterior»

FUGAS

luar na lubre presenta hoxe en ourense o disco «extra:mundi», co que se sumerxen noutras culturas peninsulares da man de pezas populares. é o seu xeito de dar as grazas, a piques de cumprir 30 anos, á boa acollida no exterior

11 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Bieito Romero (A Coruña, 1964), fundador de Luar na Lubre, di que co novo disco, tras o macroproxecto de Torre de Breoghán coa Orquesta Sinfónica de Galicia, tratan de agradecer a boa acollida que sempre tiveron fóra. A presentación será en Ourense, cidade coa que Romero ten lazos familiares, e terán como invitada á coral Ruada, que cumpre 90 anos, e coa que pretenden facer unha singular fusión de estilos. 

-¿É un disco de celebración dos 30 anos de traxectoria?

-Os 30 anos facémolos o ano que vén, pero é certo que Extra:Mundi vai coincidir coa celebración. O que nos leva a facer isto é que o 80 % ou máis dos nosos concertos na actualidade facémolos no exterior. Iso chámanos a atención dende hai anos e o que quixemos facer é unha homenaxe a todas estas culturas a onde estamos indo con frecuencia e trátanos moi ben. 

-Introducen máis idiomas.

-A maior parte do disco está na órbita da música galega, pero utilizamos cinco idiomas peninsulares: galego, asturiano, vasco, catalán e castelán. Tamén temos máis incursións, hai un tema do País Valencià. 

-¿Por que Portugal non entra dentro da proposta?

-Portugal é un país que entra no noso repertorio, pero neste caso faino con La molinera, que se ben é en castelán tamén é un tema tradicional de todo o occidente peninsular. Inspirámonos nunha versión que fixo a cantante portuguesa Né Ladeiras. 

-¿As pezas galegas son de autoría?

-Son tradicionais e algunha composición nosa. Extra mundi significa mundo exterior e o noso mundo habitual é Galicia, o Atlántico, pero pensamos que era un bo momento para facer unha homenaxe a esas culturas cercanas, pero tamén distintas, dentro do Estado. E agradecelo con versións de cancións emblemáticas.

-Son os grandes superviventes do bum do folk, ¿a que o atribúen?

-Houbo un bum da música galega, pero foi oportunista, non estaba fundamentado nunha estrutura, nunha base que o convertera nun bum real, era ficticio todo, o que sobrevive é por tenacidade e constancia. No caso de Luar na Lubre é a tenacidade, o facer as cousas ben, o apoio da xente e tamén a nosa capacidade de saír ao exterior. En Galicia non se valoran as cousas que se fan no propio país e o feito de ir fóra e que valoren o que estás facendo, no país vai ter un valor dobre. E iso é algo que sempre entendemos, porque sabemos como socioloxicamente funcionamos como galegos, e traballamos moito no exterior, e se nos quere e se nos valora, e non é nada fácil no propio país. Ese traballo o fixemos ben dende o primeiro momento e somos quen de sobrevivir, de continuar e sobre todo hai unha cousa importante que é o traballo. Facer un disco cada dous anos, que é a media... hai moi poucos grupos do Estado, de calquera tipo de música, que teñan esa media. É algo vertixinoso. O noso fundamentalmente é o traballo, a tenacidade e saber onde estás.

Ourense. Teatro Principal. 11 de diciembre. 21 horas. 15 euros.