Elas son as grandes pioneiras galegas

FUGAS

Sandra Alonso

Un libro ilustrado revela as vidas de novela, e de película, dunha ducia de figuras ocultas da medicina, o deporte, a ciencia, a literatura, a historia ou a navegación galegas. A súa época quedoulles pequena. Elas fixeron posible outro mundo

02 mar 2018 . Actualizado a las 13:23 h.

A primeira enfermeira nunha misión internacional, a primeira científica nun buque de investigación, a primeira correspondente de guerra, a primeira doutora ou, tamén, a primeira condutora de camións. En Galicia houbo moitas números un. Ata unha xogadora de fútbol nun equipo masculino nos anos 20. «Tivo que ter narices!», exclama Nuria Díaz, a ilustradora e coautora de Pioneiras. O libro ilustrado que edita Xerais é todo un agasallo literario e visual. Unha homenaxe a todas aquelas galegas que abriron camiño.«En Galicia, se falamos de mulleres pioneiras, o imaxinario colectivo sempre nos leva a Rosalía de Castro ou a Emilia Pardo Bazán. Pero houbo moitas máis», engade.

SANDRA ALONSO

«Quería que o libro tivese dúas vertentes: recuperación da memoria e intervención social. Facer reflexionar sobre a falta de referentes femininos, tamén para os homes. Que eles non nos consideren como tal ten consecuencias», confesa a escritora deste conto sobre figuras ocultas, Anaír Rodríguez. «Rosalía ou Concepción Arenal son insignias. Grandes referentes da reivindicación do papel das mulleres. Pero quixen facer un libro menos académico, máis social e global. En certa medida, elas tamén están presentes», destaca a escritora. A Nuria marcoulle especialmente a historia de Mariluz Morales, a primeira directora dun xornal. Con cal queda Anaír? «Todas son sorprendentes. Foi un descubrimento Isabel Barreto. Souben dela cando me puxen a investigar. É a primera almiranta da historia que se coñece de todo Occidente. É incrible que non apareza referenciada nunca. Tivo un papel activo na época das colonizacións e das grandes exploracións, un momento histórico onde as grandes figuras son só de homes. Que mulleres cunhas biografías tan impresionantes sexan tan descoñecidas é un reflexo do que pasa a nivel social, semella que non existimos», reflexiona.

M.MORALEJO

Mais alá de Rosalía

Isabel Zendal, a enfermeira da expedición Balmis que tivo como encargo vacinar contra a varíola ás poboacións das colonias en América e Filipinas, é unha das protagonistas. Un pouco máis vella, do século IV, é Exeria. A primeira escritora da Hispania romana naceu na antiga Gallaecia. Sofía Casanova, xornalista, Olimpia Valencia, a primeira doutora que abriu unha consulta na comunidade, ou a oceanógrafa Ángeles Alvariño son outros dos nomes propios do libro. «Quedaron moitas fóra -recoñece Anaír-. Tíveno que pensar moito no caso de Antonia Ferrín, astrónoma. Xa o explico no prólogo. Estou a recibir mensaxes que me din que a botan en falta. Hai máis casos, dan para un segundo volume!». Todas, admite, tiveron unha vida de película. Elisa e Marcela van ter por fin a súa da man de Isabel Coixet. No 1901 protagonizaron na Coruña a primeira voda entre dúas mulleres en España. «Quixen recoñecer a aquelas figuras máis anónimas. Mulleres, moitas veces, con pouca formación, que se enfrontaron a barreiras non só laborais, senón tamén sociais. Son Celia Rivas, a primeira que conduciu un camión, ou Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira documentada», conta Anaír.

Romper barreiras

Nuria foi a encargada de pórlles rostro. «O álbum ilustrado é un xeito máis ameno de procesar a información. Mestúranse a visión da autora e a da ilustradora. É para nenos e tamén para maiores. Podes coller o libro e lelo con alegría». Anaír coincide: «É un texto sinxelo, para que calquera nena e neno o poida entender. Pero, ao mesmo tempo, se un adulto o colle, que non teña a sensación de estar lendo unha obra infantil».

Hai un minucioso traballo de documentación detrás de cada palabra e de cada trazado. «Fago unha primeira lectura e logo miro moito: fotos, ilustracións, pinturas -describe Nuria-. Deixo repousar esa información, para non estar moi influenciada. Foi moi inspiradora a fotografía de retrato e documental do século XX. As ilustracións son biografía, instantáneas das personaxes. Eu quero que os lectores, nun primeiro golpe de vista, se fixen na contorna da pioneira. Estiven vendo as súas fotos, das que hai, claro, para documentarme na vestimenta, nos instrumentos que empregaban. Son moi importantes os obxectos cos que se ven representadas. A verdade é que o pasei moi ben. Aprendín como eran as xiringas no século XVIII».

O libro está a ser un éxito nas librerías. «Estou supercontenta. Tanto pola nosa parte como autoras -di Anaír-, como porque demostra que algo está a pasar na sociedade, hai unha demanda crecente de coñecer a historia das mulleres». Nuria insiste nesta idea: «Recibimos tantas felicitacións que estou abrumada. É un libro moi necesario, hai que visibilizar os avances que elas fixeron posibles». Aventuras, loitas e éxitos de mulleres «valiosas polo que conseguiron facer e non polo que son».

AS PIONEIRAS

12 MULLERES ADIANTADAS

Doutoras, camioneiras, científicas, xogadoras de fútbol, almirantas. As profesionais de hoxe débenlle moito a estas galegas que se negaron a seguir os ditados do seu tempo.