Alicia, en galego e cunha mirada adulta

FUGAS

CEDIDA

A editorial compostelá El Patito vén de publicar A través do espello e o que Alicia alí encontrou, o segundo volume das aventuras de Alicia. Con esta edición completa a serie iniciada no 2015 coa publicación de Aventuras de Alicia no País das Marabillas

11 may 2018 . Actualizado a las 11:26 h.

Como naquela primeira ocasión a tradución do texto de Carroll é obra de Xavier Queipo, escritor cunha recoñecida carreira que abrangue narrativa, poesía e ensaio, e que ten acadado numerosos galardóns. Entre eles, o Premio Nacional de Tradución (2014), o Premio da Crítica española (1990) e o Xerais (2011).

O libro está ilustrado por unha serie de collages creados para a ocasión por Fausto Isorna, que pretenden fuxir da clásica iconografía de Alicia e ofrecer unha ollada máis adulta, explorando as vertentes máis surrealistas e psicodélicas do texto.

A través do espello e o que Alicia alí encontrou é considerada polos estudosos de Lewis Carroll como a culminación dos recursos postos en xogo en Alicia no País das Marabillas e contén algunas das súas pasaxes máis populares como o encontro con Ovo Redondo, o xardín das flores que falan ou o celebérrimo poema absurdo Galimatán.

Coincidindo coa publicación do libro, na galería Sargadelos de Santiago amósase, ata o 21 de maio, unha exposición que recolle os orixinais das colaxes creadas por Fausto Isorna para os dous libros das aventuras de Alicia publicados por El Patito Editorial. Isorna iniciouse na colaxe a primeiros dos anos 90 cando ilustrou con esta técnica o libro Colección de Bolboretas de Luís Rei Núñez. A partir de aí, sinala, «funa perfeccionando e diversificando ata conseguir diferentes climas ou acabados segundo os materiais utilizados ou o xeito de xustapoñelos».

Nos seus traballos máis actuais, aos que gusta chamar «surrealistas», os elementos intégranse limpamente e desaparece entre eles a fronteira do recorte. «O que fago é, en última instancia, arte pop. Esa é a miña intención e nese eido é onde me sinto cómodo e integrado».