Algunhas teñen décadas de oficio, outras hai pouco que botaron a andar. No mundo da edición predominan as mulleres, di a intuición. O lector é lectora; este é o perfil segundo os últimos datos oficiais: unha muller entre 45 e 50 anos. E as editoras van a máis, «aínda que en postos directivos hai poucas». Oito profesionais galegas revelan a «outra» historia do libro
15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Mulleres houbo sempre no mundo do libro, pero parece que van a máis. «Temos esa intuición... De sempre houbo moitas mulleres no sector editorial, e nas librarías; o que aínda falta son estudos ao respecto e que as mulleres estean en postos directivos», afirma Laura Rodríguez Herrera, do selo Hércules, unha das catro editoras que xuntamos nun café con letras na Coruña. Son máis, e algunhas non están adheridas á Asociación Galega de Editoras (AGE), «como é o caso de Irmás Cartoné, Patas de Peixe ou Fabulatorio», achega Dores Tembrás, poeta fundadora do selo Apiario coa tamén poeta Antía Otero.
Se falamos de cifras, non debemos confundir as cifras de número de editores ou editoras coas de facturación. «As editoras que máis facturan están asociadas dende hai tempo á AGE, pero nos últimos anos naceron proxectos que están cambiando o modelo de editor en Galicia», afirma Laura Rodríguez, unha visión que comparten Dores Tembrás; Chus Gómez, coordinadora editorial de Rodeira, e Belén López, directora de Baía que hoxe (ás 9.30 na Fundación Luis Seoane da Coruña) abre a última xornada do Galeusca coa reflexión A igualdade no sector editorial, un proceso en construción. Aires novos trouxeron selos novos, pequenos, independentes, coa forza dun Nordés na súa aposta, editoras con mulleres á fronte, pero a igualdade é aínda un terreo por labrar, con sucos que cubrir. «É interesante valorar un dato sobre a presenza de mulleres no mundo editorial. E é precisamente a falta de datos. Temos a intuición de que as mulleres somos maioría pero falta confirmalo. Os datos sobre o sector editorial nunca tiveron en conta a cuestión de xénero», achega Belén, que subliña que, en consecuencia, non podemos saber se existe fenda salarial no sector. «Sen estudos non podemos falar con propiedade. Agora empezamos a ter voz. Pero, ata agora, os que facían os estudos eran homes. Era unha ollada só masculina. E faltamos nós. Unha consecuencia natural de que o mundo laboral estea dirixido por homes».
Unha cuestión. Editan as mulleres doutro xeito, hai unha ollada de xénero, determinada por el? «É unha pregunta difícil... Porque moitas veces se usou a etiqueta ‘literatura de mulleres’ para falar dunha literatura na que por forza domina o sentimentalismo e o romántico, e non é así. Pode haber diferenzas pero o que me dá medo ao admitilas é que iso poida usarse na nosa contra», di Laura, que achega que «ás veces dá a impresión de que os homes subestiman un libro se a autora é muller».
GUSTOS SEN XÉNERO
«Profesionalmente, cada un ten os seus gustos. E os gustos non van co xénero», matiza Chus Gómez. «Eu penso que a diferenza está máis no que non queremos publicar as mulleres que no que publican os homes». «Eu non sei os demais, pero sei como traballamos nós, Antía e mais eu -comparte Dores-. Sei o que isto significa para nosoutras e está no noso catálogo. Cantas mulleres hai nel?». En Apiario o feminismo foi un dos enfoques de empresa desde o minuto cero, asegura. «Nós estamos atentas a un modo de entender a edición, dende nosoutras, que somos mulleres». Pero, cómpre matizar, unha cousa é ser muller, e outra, ter conciencia de igualdade. «Por iso, eu digo que, máis que o feito de ser home ou muller, importa o pensamento, a ollada e xuízo de cadaquén», subliña Chus. «E eu como editora debo dicir que os problemas nos os tiven cos socios editores -conta Belén-... pero non creo que a ningún home no sector lle dixeran, sendo xefe, unha frase como: ‘Quero falar co teu xefe’. Dixéronmo a min sendo a xefa. As empresas que levan moitos anos traballando no sector non son como as de recente creación; teñen outra estrutura de funcionamento na que a muller adoita ser máis invisible, non estar en postos de poder. A situación está cambiando. Chegará o momento de admitilo: As mulleres vemos o mundo como é».
Se falamos sobre a conciliación de arte literaria e rendibilidade empresarial, as editoras desbotan ese tópico que lles dispara cun «É que só pensades en vender». As prioridades son outras, din. «Eu o que non podo é traballar con calquera -confesa Laura, que dende Hércules recomenda O año que é un porquiño, de Pim Lammers e Milja Praagman-. Se non vexo o traballo co autor como un proxecto común e compartido, non me interesa».
AS CIFRAS DAS LETRAS
Hai alento de fondo, pero o último barómetro oficial sobre a lectura e venda de libros en España, do Ministerio de Educación, conclúe que un 40% das persoas non len «nunca ou case nunca». Que senten que deben facer os editores, as editoras, para reverter a caída das cifras das letras e reconducir o rumbo do libro? «Nós, como editoras, unha vez que se achegan aos nosos libros, temos a capacidade de influír na sociedade, pero non nos corresponde a nós cargar co peso de cambiar a sociedade se a xente non le, se non se achega aos nosos libros», opina Belén. «Podemos ter libros que atendan a todos os estilos lectores. Penso que o mercado galego os ten! Calquera lector, calquera gusto, pode atopar os seus libros en Galicia. O problema, realmente, é a falta de hábito de lectura», unha circunstancia xeral que é particular en Galicia, máis pronunciada. A literatura galega está en seria desvantaxe fronte, por exemplo, á catalá, esta con outro prestixio no seu territorio, e outra industria cultural. «En Galicia estamos limitados fronte a grandes grupos que teñen moitos medios, moito diñeiro…», apunta Belén López. «Pero o hábito lector diminuíu en xeral, para grandes e pequenas editoras», amplía Chus Gómez, que recomenda para o verán, dende o selo Rodeira, Cuca e o abrigo marrón, de Fina Casalderrey.
«Hai libros que tes que publicar por unha cuestión de conciencia, pero para iso tamén tes que apostar por outros proxectos que vendan. Evidentemente, non vas facer un libro para que non o lea ninguén! O problema do mercado do libro afecta ao número de títulos, pero tamén aos ricos que se asumen, á túa capacidade para afrontalos», di Laura Rodríguez. Aínda que hai apostas por proxectos, a priori, minoritarios que medran en proporción ao tesón dos seus creadores. «Só que cando es unha pequena empresa que co seu compromiso e esforzo consegue crear opinión, ter un público... veñen as grandes e cómente!», anubra Belén, que dende Baía recomenda Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira.
«Eu non vexo que producir menos sexa, necesariamente, algo negativo per se», intervén Dores. «Iso permite seleccionar ben qué queres publicar. Eu creo que hai libros moi necesarios e libros que son menos necesarios. Nós só sacamos tres ou catro libros ao ano. Nós cremos nun produto moi concreto. O que importa é editar o que queres, no que cres», explica a editora, que recomenda dende Apiario Lumes, de Ismael Ramos. «É que se non cres no libro que editas, non vendes!», achega Belén.
Por onde pasa o futuro do libro? «Un problema preocupante, porque é un problema social, son os datos de lectura. Unha sociedade con tan pouco hábito lector, dende o meu punto de vista, non ten un futuro marabilloso. Pero as empresas galegas si temos recursos para sobrevivir. Somos proactivas, procurámonos recunchos onde exercer con dignidade o noso traballo», di Belén. «As cifras están aí, no ano 2016 publicáronse en Galicia só 1.211 títulos, fronte aos 2.544 do ano 2010. E isto non só é froito da crise, xa que as outras comunidades con lingua propia non sufriron este descenso tan forte», informa Ana Guerra, editora de Obradoiro, quen comparte (agora sentamos en Santiago!) mesa e vistas á Catedral con Andrea Jamardo, de Urco Editora.
A INFANCIA E O PAPEL
Baixan os datos oficiais de lectores, pero mudaron tamén os formatos e os xeitos de ler. Cabe esperar un novo boom do libro en papel? «Non sei se vai haber un novo boom do libro en papel, probablemente non... Desde o punto de vista creativo estamos nun momento fértil na literatura que invita á esperanza, aínda que somos conscientes de que os lectores en galego non están aumentando tanto como nos gustaría, en parte porque o número de galegofalantes nenos e mozos está descendendo», advirte Ana. «Pero hai anos que se vén vaticinando o declive do libro en papel e non foi así!», di. É unha ameaza o e-book ou non? «Arestora a facturación do e-book non supón máis que o 5% da facturación do sector. Mais que unha ameaza, o e-book semella estar a se converter nun complemento do libro de papel», afirma Andrea, quen dende Urco, recomenda a Fugas este verán Non hai luz sen escuridade, de Andrea Barreira Freije. «Complementaranse os dous, libro e e-book, tanto en uso coma en obxectivos: un ávido lector, encontrará moito máis cómodo o seu e-book, pero o papel permite edicións moito máis elaboradas e artesanais. Por outra parte, na infancia a lectura en papel é máis beneficiosa para a saúde, ante a invasión de pantallas», apunta Ana en liña coas recomendacións da Asociación Americana de Pediatría e os estudos de universidades como a Complutense.
PATRIMONIO CULTURAL
«É evidente que a nosa industria ofrece un produto de valor singular; contribúe á educación e á creación do patrimonio cultural. Posto que temos esta función de servizo social, debería ser unha prioridade das Administracións o apoio decidido ás industrias culturais», expón a editora de Obradoiro, en consonancia coa editora de Urco, quen bota en falta nas institucións «un apoio veraz e de calidade».
Pechando o círculo, que non remata, volvemos (agora en Vigo) ás letras cara á igualdade da man de Celia Torres Bouzas, directora de Promoción de Xerais, selo que viu a luz nos oitenta, idade dourada do libro, e que defende comprometido de sempre na loita pola visibilidade e o recoñecemento da muller. Queda aínda un longo camiño que adecentar e percorrer cara á igualdade? «Si. No mundo editorial o que ocorre non é moi diferente do que pasa no resto. Pero si hai moitas mulleres no mundo editorial... e nos postos de dirección eu non coñecín a moitas en todos estes anos», afirma Celia, que xa suma máis de tres décadas entre libros. Unha historia con moita letra. «Entrei en Xerais no 83!», recorda. «Con Bragado como director, o traballo pola igualdade estivo sempre aí, e seguramente será igual con Fran Alonso. O ano que o Premio Xerais o gañou por primeira vez unha muller foi moi celebrado. Se ben é certo que houbo que esperar uns cantos anos para que iso sucedese... -admite-. O Xerais data do 84 e a primeira vez que o gañou unha muller foi Marilar Aleixandre no 2001». Non foi sen tempo...
Outra cousa é o campo da literatura infantil e xuvenil, advirte Celia Torres, no que a presenza delas é superior. A primeira gañadora do Premio Merlín, recorda, foi Úrsula Heinze. «Hoxe en día, elas gañan por goleada! Hai estes fenómenos como pode ser o caso de Ledicia Costas, que é hoxe un referente infantil e xuvenil non só en Galicia, senón en todo o Estado». Outro dos eidos nos que Xerais asumiu o compromiso coa igualdade, subliña Celia, foi na edición de libros de texto. Hoxe se fala diso en toda España, pero «é unha discusión que leva en Xerais moitísimos anos: que no libro de texto estea reflectida a muller». Agustín Fernández Paz, apunta, foi «un auténtico» precursor desta loita nos materiais para coeducar.
Un dos libros que este ano correron lixeiros de boca en boca e en redes sociais foi, de Xerais, Pioneiras, de Anaír Rodríguez. E ela, editora tamén, está preparando un segundo volume que descobre outras 12 pioneiras, «e hai algunha sorprendente...», desliza Celia estimulando o olfacto da curiosidade. «Parece mentira que todo estivese agochado!». Tantas historias de mulleres valiosas agardando a descuberta. É algo incrible, e universal. «Todas as sociedades do mundo teñen as súas pioneiras. E non todas son ilustradas». Pero abriron camiño, como revela Anaír. Moito valor por descubrir e coidar. Moitas mans con vocación de reescribir a historia
e cambiar o conto.