Xiana Lastra: «Levamos o eclecticismo ao extremo»

FUGAS

cedida

As querenzas literarias, a variedade no musical e a causa feminista son os tres sinais de identidade da Banda da Loba, que co seu segundo disco procura o asalto a camiños pouco trillados da nosa música

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Rigoroso negro no vestir en contraposición á luminosidade da proposta. Os xogos de contrastes adoitan dar resultado. Malia que o factor sorpresa non é hoxe tan determinante como cando hai un par de anos. A Banda da Loba irrompeu na escena musical con Bailando as rúas. Agora, dun modo notablemente máis concluínte e con solvencia contrastada, aínda que case cos mesmos nervios, prenden a Fábrica de luz, un disco conceptual en torno á idea da nai, da creación. Un disco de feituras ben trenzadas no estético, no literario e no musical, plasmado desde vertentes estilísticas ben diversas. De novo asoma a contraposición. Hai rock, hai folk, hai pop, mesmo un bolero e ata coqueteos co reggae.

­-Esa arriscada heteroxeneidade xorde espontánea ou é buscada?

-É algo voluntario. De feito neste disco aínda levamos o eclecticismo máis ao extremo. É algo inevitable porque todas escoitamos estilos musicais moi diferentes e todas entendemos a música dun xeito amplo e universal. Non nos cinguimos, nin como espectadoras nin como creadoras, a algo concreto. En función do que queiramos contar deixamos que flúa e que saia por onde teña que saír. Si que semella algo arriscado en tanto que é difícil enmarcarnos pero os directos de Bailando as rúas demostráronnos que nos concertos a xente goza dese eclecticismo, que lles resultan máis divertidos e mesmo nos permite abarcar un público máis amplo.

-Desta volta, e ademais no tema que abre e dá título ao disco, atrevédesvos incluso co pop, gran tabú na música galega.

-Con esa canción o que pretendiamos era facer unha declaración de intencións como grupo, da nosa maneira de traballar e de entender a música. Pero non queriamos facelo dende un punto de vista serio e sesudo senón como algo alegre e positivo. Queriamos que Fábrica de luz fose unha canción que animase á xente a bailar. E saíu así. Pero non é tan estraño. Achégase a moitas das cousas que nós escoitamos.

­-Por haber, hai ata un bolero.

-Ah si! A min é un dos temas que máis me gusta. Unha, porque está baseado nun poemario de Xela Arias, e outra porque cantar boleros encántame. Certo é que nunca pensei que cantaría un bolero na Banda da Loba pero mira... É a sorte de non ter filtros nin estar suxeita a ningún estilo.

-Falades de que o disco é unha homenaxe á idea da nai «nun sentido amplo». A que vos referides?

-A que non só é nai no sentido literal senón nai como algo que nos dá orixe, como idea de identidade, de creación, de liberdade. A nai é a lingua, é a terra. Son todas as escritoras que nos foron abrindo as portas para que hoxe poidamos facer o que queiramos sen complexos.

­-Moléstavos que vos citen como «unha banda formada por cinco mulleres»?

-Non, non nos molesta. É evidente que denota que é algo non normalizado. Nunca dirías «unha banda formada por cinco homes». Pero, ao mesmo tempo, o feito de resaltalo axuda a poñer a lupa no problema.

­-Banda feminina... e banda feminista.

-Si, por suposto. No noso ideario e nas nosas letras vai sempre implícito o feminismo e a nosa posición a ese respecto.

-Moito do mellor que lle está pasando á música galega nos últimos anos está vindo da man de mulleres.

-A ver, creo que sempre foi un pouco así. Sobre todo no folk e na música de autor. O que está variando, e está ben que sexa así, é que cada vez hai máis mulleres que asumen outros roles dentro das bandas, que non son só cantantes.

­-Hai neste disco moitos cantos á esperanza. Vedes certamente lugar para ela?

-Si, claro que si. É una esperanza baseada na convicción da forza que temos para facer cambios. Son cantos ao empoderamento e a que a xente se dea conta de que somos fortes, somos libres e podemos cambiar as cousas.

­-A outra gran referencia constante ao longo do disco é a poesía. E tamén un sinal de identidade da Banda da Loba?

-Si, sempre dicimos que o que nos define é o eclecticismo no musical e a escrita. Basicamente todas as nosas letras parten da poesía. Foi algo que tivemos claro dende o principio. Todas somos lectoras e varias de nós temos libros publicados. É algo natural que as letras sexan unha parte tan substancial do proxecto. De feito por veces temos a sensación de que a música é unha vestimenta que utilizamos para facer máis dixeribles unhas letras que de por si son complexas.

­-Seguides sentíndovos un pouco bandoleiras?

-Si, iso sempre. Claro, claro. Por algo nos puxemos A Banda da Loba.

  • SANTIAGO CAPITOL SÁBADO, 21.30 6,88 EUROS